Site icon Crónica3.com A Mariña

Segundo o PP os orzamentos estatais e autonómicos marxinan A Mariña

NOTA DE PRENSA:
No 2009 a nosa comarca recibirá menos cartos en investimentos para obras e servizos determinados que os que se comprometeron no 2005, último ano de Goberno do Partido Popular en Galicia
A APROBACIÓN DEFINITIVA DAS CONTAS AUTONÓMICAS E ESTATAIS CERTIFICA A MARXINACIÓN DA MARIÑA LUCENSE
* No que vamos de lexislatura, co bipartito, o investimento por habitante caeu máis do 50%: Dos 400 euros no 2005 pasamos a 199 para 2009. Tan só na última anualidade a redución é superior aos 52 euros.

* O escaso investimento demostra que o VAC Ferrol-SanCibrao-Barreiros non estará listo no 2011 tal e como prometeron Touriño e María José Caride

* O Hospital da Costa recibe 600 mil dos máis de 6 millóns que deberan investirse, segundo a previsión plurianual de gastos, para acometer a ampliación da súa estrutura e a mellora dos seus servizos.
A Mariña, 19 de decembro de 2008.- Segundo o Partido Popular a aprobación definitiva das contas autonómicas e estatais certifican a marxinación da Mariña lucense, ao menos está é a conclusión que se desprende da análise efectuada despois de que PSOE e BNG deran o seu apoio aos que xa son de xeito oficial os orzamentos para 2009 tanto da Xunta de Galicia como da Administración Xral do Estado.

O Partido Popular comarcal lembra que para o ano próximo a Mariña lucense recibirá menos cartos en investimentos para obras e servizos determinados que os que se comprometeron no ano 2005, última etapa de Goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia. Mentres cos populares as contas autonómicas reflectían achegas por valor de 30 millóns de euros, no 2009 as partidas con destino concreto a algún ou varios dos concellos da nosa comarca tan só chegan aos 14,9 millóns de euros, isto é menos da metade.

Facendo balance de termos de investimento por habitante os datos son, a xuízo do PP, suficientemente elocuentes: Mentres no 2005 o Goberno do PP destinaba 400 € aos mariñáns, o actual Executivo autonómico veu diminuíndo estas achegas ata reducilas en máis da metade. Hoxe cada mariñán recibe 199 euros “E polo que, nesta lexislatura acabamos perdendo máis do que recibimos”. Se a comparación a facemos cinguíndonos á ultima anualidade, os mariñáns deixarán de recibir 52 euros, isto é, -176 menos cao resto dos lucenses (que reciben 374 no seu conxunto) e unha cifra moi lonxe dos 1.185 que reciben o conxunto dos galegos

ÁMBITO ESTATAL: OBRAS ESQUECIDAS

Situación similar acontece no caso das contas estatais que, neste caso, esquecen facer mención expresa a proxectos tan prioritarios como a apertura ao tráfico xeral comercial do peirao norte de ALCOA -todo iso, pese a existir un acordo parlamentario das tres forzas políticas instando a necesidade de acometer esta actuación- . O PPdeG defendeu no seu momento a consignación dun millón de euros para esta actuación (ver folla anexa) máis esta petición foi desprezada e rexeitada por socialistas e nacionalistas.

CONTAS ESTATAIS

Os orzamentos do Estado contemplan unha achega 500 mil euros para a vía entre San Cibrao e Barreiros unha cantidade que, en todo caso, é moi insuficiente para unha infraestrutura cuxas obras aínda non se teñen iniciado.

Durante a anterior lexislatura e no presente ano, o Goberno da Zapatero limitouse a achegar 50.000 euros para desenvolver este actuación, nin un só céntimo do comprometido para o corredor, no treito de competencia estatal, chegou a investirse e nada parece indicar que a situación no futuro sexa diferente.

CONTAS AUTONÓMICAS

No referente as contas da Xunta de Galicia o estado de gastos consensuados polo PSOE e polo BNG -sen achega algunha dos populares, despois de que o bipartito rexeitara máis de 150 emendas do PP para a comarca- reinciden na liña de esquecer proxectos de interese prioritario.

Así por exemplo, pese ás múltiples promesas efectuadas por distintos responsables do Servizo Galego de Saúde e da Consellería de Sanidade o Hospital da Costa é o único dos centros de atención médica especializada en Galicia que non dispón dunha cantidade específica para desenvolver o seu plan funcional. E máis, o centro hospitalaria mariñán limítase a recibir 680.000 euros dos máis de 6 millóns que o ano pasado comprometéronse achegar para mellorar e ampliar a súa estrutura e servizos.

No referente a Vía de Alta Capacidade, as contas do 2009 certifican que esta infraestrutura non estará no 2011, e polo tanto que faltaban á verdade Touriño e Maria José Caride cando publicamente falaron desta data como o horizonte temporal de finalización da obra. Lonxe desta realidade o certo é que, máis do 80% do investimento neste vial chegará a partir do 2012 e anos seguintes polo que, a deliberada paralización nestes catro anos e a falta de investimentos afastan, aínda máis, a data de entrada en servizo desta nova vía chamada a vertebrar e comunicar a nosa comarca co resto do territorio

PERDA DE PESO SIGNIFICATIVA

Da análise polo miúdo dos datos definitivos sobre as contas autonómicas para 2009 confírmase a información adiantada no seu día polo PPdeG varias consellerías e organismos de competencia autonómica que, no desgolse dos seus orzamentos reais, non comprometen nin un só euro con destino concreto na Mariña: Para Pesca, Medio Rural, Industria, Economía, Cultura e Deporte, Medio Ambiente e Traballo os mariñáns non existen

Segundo os populares cada un destes datos evidencian a progresiva perda de peso da nosa comarca no conxunto de Galicia e de España, todo iso pese a ser unha das áreas de máis dinámicas e con maior potencionalidade da provincial lucense. Nos orzamentos elaborados polo BNG e polo PSOE A Mariña é a gran esquecida.

Exit mobile version