Site icon Crónica3.com A Mariña

Vivenda adxudicou a rehabilitación de dous edificios en Ribadeo e Lourenzá para vivendas protexidas

A MARIÑA .- A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, adxudicou por 390.272 euros as obras de rehabilitación de dous edificios nos Concello de Ribadeo e Lourenzá, que albergarán vivendas protexidas en aluguer para mozos menores de 35 anos. O investimento para o edificio de Ribadeo ascende a 132.525 euros e ten un prazo de execución de 12 meses. No caso do inmoble de Lourenzá son 257.747 euros e 12 meses de prazo.

Fonte

A Consellería de Vivenda e Solo adxudica por 390.272 euros as obras de rehabilitación de dous edificios en Ribadeo e Lourenzá que albergará vivendas protexidas en aluguer para mozos
O investimento para o edificio de Ribadeo ascende a 132.525 euros e ten un prazo de execución de 12 meses. No caso do inmoble de Lourenzá son 257.747 euros e 12 meses de prazo

A consellería rehabilita outros 9 edificios na provincia de Lugo, nos concellos de Viveiro, Chantada e Lourenzá

Santiago de Compostela, 2 decembro 2008.- A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe Teresa Táboas, adxudicou por 390.272 euros as obras de rehabilitación de dous edificios nos Concello de Ribadeo e Lourenzá, que albergarán vivendas protexidas en aluguer para mozos menores de 35 anos.

En concreto, a consellería inviste 132.525 euros na rehabilitación do inmoble de Ribadeo. A empresa adxudicataria, Construcciones Piornedo, disporá dun prazo de 12 meses para executar estes traballos desde a sinatura da acta de inicio da obra. Este edificio está situado na rúa Antonio Otero nº 33 e conta con planta baixa, un andar e baixo cuberta. Albergará dúas vivendas cunha superficie útil de 57,45 e 54,47 metros cadrados e un dormitorio cada unha. A consellería investiu 132.523 euros na súa adquisición.

Respecto ao inmoble de Lourenzá, as obras de rehabilitación foron adxudicadas á empresa J.R. Naray por un orzamento de 257.747 euros e un prazo de execución de 12 meses desde a sinatura da acta de inicio de obra. Este edificio está situado na rúa Avelino Montero Villegas nº 25 e conta con planta baixa e tres andares. Albergará dúas vivendas cunha superficie útil de 68,40 e 89,75 metros cadrados e dous dormitorios cada unha. Ademais, neste caso a planta baixa albergará un local comercial de 32,35 metros cadrados. A consellería investiu 22.087 euros na adquisición deste inmoble.

Estas vivendas serán adxudicadas en réxime de aluguer a mozos menores de 35 anos cuns ingresos ponderados que non superen 3,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples, é dicir 24.500 euros anuais. A Consellería de Vivenda e Solo ten como un dos seus obxectivos crear un parque de vivenda protexida pública suficiente e permanente para por a disposición das rendas con máis dificultades.

Outros 9 edificios na provincia
A Consellería de Vivenda e Solo está a levar a cabo a rehabilitación doutros 9 edificios na provincia de Lugo, que albergarán vivendas protexidas en réxime de aluguer preferentemente para mozos menores de 35 anos. A consellería investiu 1.100.504 euros na adquisición destes 11 edificios na provincia de Lugo.

O pasado mes de febreiro a consellería adxudicou as obras doutros dous edificios tamén en Vilanova de Lourenzá por 140.062 euros e dous inmobles en Chantada por 876.955 euros. En Viveiro a consellería está a rehabilitar outro edificio por un importe de 385.790 euros e en Monforte de Lemos o investimento para a recuperación doutro inmoble que está en obras ascende a 971.657 euros. Outros dous edificios situados en Viveiro e un terceiro en Ribadeo están na actualidade en fase de redacción de proxectos.

Exit mobile version