Site icon Crónica3.com A Mariña

Xuntanza de responsables do BNG con delegados da CIG en Alcoa

Nota de Prensa

O BNG QUERE CAMBIAR O ACTUAL MODELO DE ECONOMÍA ESPECULATIVA POR OUTRO DE ECONOMÍA PRODUCTIVA. OS NACIONALISTAS NON VAN PERMITIR QUE A RECEITA FRONTE Á CRISE SEXA A PERDA DE PODER ADQUISITIVO POR PARTE DOS TRABALLADORES.
A Mariña, 29 de decembro de 2008. O BNG mantivo unha xuntanza cos delegados da CIG en Alcoa e nas súas empresas auxiliares para analizar a crise económica. No encontro estiveron o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco; o deputado no Parlamento Galego, Manuel Parga e o responsable comarcal do BNG na Mariña, Ramón Ermida.
Os nacionalistas son conscientes de que “estamos diante dunha crise que ten un carácter estrutural e que é diferente ás outras porque efectivamente opera respecto do que é a propia natureza do sistema capitalista”. Segundo Ramón Ermida “no BNG o que temos claro é que non poden ser as maiorías sociais e as clases traballadores ás que lles toque pagar neste caso a crise económica. Pensamos que eso non pode ser así porque as empresas que ao longo de todos estes anos acumularon grandes fortunas no momento no que veñen as vacas fracas o que fan é apretar o cinturón, pero apretan a quenes fixeron posible eses grandes beneficios que non son nin máis nin menos que os traballadores”.
O responsable comarcal do BNG engade que para afrontar e confrontar esta nova crise do sistema capitalista “nós temos unha idea central. Non hai posibilidade de que se restaure esa confianza da que tanto se fala neste momento, nin hai posibilidade de que o consumo interno, que ten que ser fundamental para volver reactivar a economía, aumente se iso non vai acompañado de incrementos salariais claros”. Ermida engade que “nós non imos consentir que a receita fronte á crise sexa a perda de poder adquisitivo por parte da clase traballadora. Hai que ter en conta neste sentido que son aqueles dous estados europeos onde os traballadores máis perderon nos 8 últimos anos (Irlanda e o estado español) onde a crise é máis patente. Nós entendemos que as relacións laborais teñen que transferir ao marco de negociación colectiva traballadores-empresa  e é fundamental a participación da administración de cara a garantir o que é o poder adquisitivo da clase traballadora”.
Ramón Ermida sinala que “tanto CIG coma o BNG converxíamos en que é fundamental ser quen de crear unha maioría social que permita que a crise se resolva cun modelo produtivo distinto ao que provocou a situación actual. Estamos vendo coma o conxunto das medidas que puxo en marcha o goberno do Estado de insuflar diñeiro á banca non serven para sair desta situación e polo tanto é hora xa de abandoar o modelo de economía especulativa que non xenera ningún tipo de beneficio social en aras dun modelo de economía produtiva que restaure o que é a alianza entre o capital e o traballo que foi efectivamente o que permitiu na Galiza, no Estado e no conxunto de Europa os anos máis importantes de prosperidade e benestar”.

Exit mobile version