Site icon Crónica3.com A Mariña

Augura o PP que os veciños de Burela poden pagar máis de contribución no 2009 que no 2008

NOTA DE PRENSA

O PP denuncia que os burelenses poden pagar máis de contribución este ano ca en 2008.

Afirman que o anuncio no boletín provincial non se publicou antes do un de Xaneiro.

Aseguran que esta situación demostra a falla de traballo e dedicación do alcalde.

O GMPP denunciou hoxe a través dunha nota de prensa que a baixada da contribución para este ano 2009, solicitada tres veces polo PP e ó fin aprobada polos tres grupos políticos, pode pasar a ser un aumento de alomenos un dez por cento, tendo en conta que o anuncio no Boletín Oficial da Provincia non se publicou antes do día un do presente mes, como marca a normativa vixente. Concretamente, a publicación fíxose o sete do presente mes de Xaneiro,

Os populares lembran que a normativa legal en materia de contribución urbana é mui clara, e esixe que os impostos que teñen efectos legais a partires do un de Xaneiro, e de pago único, como é este caso, deben ter publicada a súa normativa antes do primeiro de ano en algún boletín oficial.

Para os populares, este asunto é preocupante, porque non tén unha solución clara, e de non buscarse unha que sexa legal e rápida, pode ocurrir que un contribuinte que pagase 150€ de contribución pola súa vivenda en 2008 pase a pagar 165€ en 2009, cando teoricamente tiña que ter unha lixeira baixada. E esto debido a que o padrón da contribución tén que chegar ó concello no primeiro trimestre deste ano.

Segundo o GMPP, é incrible que, logo de terse levado este asunto ó pleno de finais de Outubro, a situación sexa que é. E para o PP hai dous responsables, unha a insultona e inefable concelleira Remedios López, que o era de Economía neses momentos, e que xa se vé como se “sacrifica” polos veciños e polo concello; e o outro, e sobre de todo, o alcalde, que se gavou de adoptar un acordo que beneficiaba ós cidadáns. Hai unha terceira culpable, Nieves Cando, a outra pata do bigoberno. Pois á vista dos feitos semella que se adoptou un acordo de farol, e que logo de aí o alcalde non moveu un dedo para que se aplicase, co que alguén pode levar a pensar que desde o bigoberno se tentaba enganar ós cidadáns.

Esto demostra que o alcalde, Nieves Cando como responsable dunha pata do bigoberno, e Remedios López, teñen escaso ou nulo interese en facer as cousas como hai que facelas e así demostran a súa desidia, pasotismo e a súa adicación exclusiva, que é cobrar a fin de mes dos cartos de todos, sen importarlles se se pagan moitos ou poucos impostos. O único interese que teñen é manter o “tenderete” que montaron e que nos tres casos xa se vé que o manteñen á costa dos veciños de Burela cobrando cáseque cincuenta mil euros ou axudando a crear emprego ó xeito do PSOE.

O PP esixe que antes de finais de mes se aporte algunha solución a este tema, porque a inquedanza dos cidadáns é evidente, e non sería responsable calar un feito que pode provocar un aumento mui importante dos impostos que todos os veciños e veciñas pagamos ó concello. De feito, o PP presentará un escrito no Concello solicitando que se adopten as medidas oportunas para que esta situación, insólita, non perxudique ós cidadáns.

Exit mobile version