Site icon Crónica3.com A Mariña

Educando que é xerundio

Por Otero Regal

Nunha entrevista co defensor do menor lin “quizais habería que traballar menos e dedicarnos máis a educar os fillos”. Xusto deu no cravo. Vivimos indefensos ante a falta de respecto que moitos dos nosos adolescentes amosan a diario. ¿Responsabilidade dos pais? ¿Responsabilidade dos mestres?

A sociedade é hoxe máis permisiva do que foi nunca. Pero tamén é evidente que fallan algúns dos resortes que fan máis amable a convivencia na rúa. Non se trata de volver aos vellos usos de urbanidade (que se dicía na nosa nenez), pero si de restablecer algunhas pautas de conduta. Que os máis novos aprendan a respectar aos maiores que, se algo gañaron na vida, é cando menos certa consideración. Aínda non abandonamos a tribo.

Un sempre sempre creu que o que non se aprende na casa non se aplica na rúa. ¿Como van ser tolerantes os mozos se non o son os seus pais? As últimas xeracións de proxenitores pertencen xa ao modelo liberal, que renunciou a transmitir aos seus fillos os valores aprendidos na familia, responsabilizando os mestres dese labor. O Defensor do Menor así recoñéceo: “os pais teñen que cuestionarse o tempo que adican aos seus fillos”.

Os profesores están indefensos ante os alumnos máis agresivos. Os educadores (………?) de antes recorrían ao castigo físico e á imposición. Pero os de hoxe só teñen o poder da palabra e a convicción para poñer límites a os desmáns. E os pais tampouco poden recorrer ao cachete corrector, porque está non só mal visto, senón castigado pola lei. Así que hai fillos que manteñen os seus pais nunha ditadura permanente dende moi pequenos, porque son consentidos ata no último capricho (a síndrome do pequeno emperador); e de maiores, porque con esa altura e corpulencia que alcanzan, calquera os amedrenta.

Se os nenos aprenden o que ven na casa, e os nenos necesitamos que se comporten respectuosamente e non sexan agresivos, ¿que habería que facer con eles?,¿darlles unha “azouta a tempo”? Unha azouta é pegar, suave pero pegar, e moitas veces non é tan suave. Por non falar da cuestión da diferenza entre os contendentes, que bonito, un peso pesado zorregando a un peso mosquito, nin no boxeo profesional se permite. É unha enorme mentira que aos nenos non se lles pode educar sen pegarlles NUNCA, nin pouco nin moito. De feito é a forma de educalos, con agarimo, con respecto, con argumentos, utilizando a contención física cando é necesaria (por exemplo, agarrar da man a un neno que non che quere dala para cruzar a rúa, iso non é negociable), pero sen violencia. Así aprenden o que ven na casa: a tratar os demais como eles son tratados. Con cariño, con respecto, con argumentos. E non coa lei do máis forte .

Exit mobile version