Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo denuncia a falta de coordinación da Xunta e pide a presenza do exército.

CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, cuantificou en máis de 500 as familias cervences que aínda están sen subministro eléctrico e con problemas nas comunicacións telefónicas a causa do temporal de vento sufrido o pasado fin de semana. Na súa opinión, a situación destas familias estase a converter en “insostible”. “Despois de catro días aínda temos a unha gran parte da nosa poboación padecendo distintos problemas derivados da carencia de enerxía eléctrica e de teléfono; e isto non se pode permitir” sinalou Villares, quen reclamou a intervención do exército e de persoal de Protección Civil “para recuperar a normalidade de subministro eléctrico nas parroquias do Concello que a día de hoxe seguen afectadas”.

Os núcleos de poboación que aínda seguen sen electricidade en Cervo son Rueta, San Román, Rúa, Senra, Trasbar, Castelo, Cuíña e Trasbar; mentres que en Figueirido o subministro esta a ser deficiente e con cortes intermitentes.

PRESENCIA DO EXERCITO

Segundo o alcalde “non é de recibo” que despois de catro días tanto a Xunta coma a empresa subministradora do servizo non poidan dar un prazo para saber cando se restablecerá a normalidade. Dixo así mesmo que os veciños damnificados estanse a dirixir ao Concello “cunha mistura de impotencia, indignación e sensación de abandono” por parte das administracións responsables. Por iso, bota en falta que a Xunta non asumira en todo este tempo a coordinación dos traballos coa colaboración dos concellos “para facer máis efectiva a recuperación da normalidade” e solicitou a axuda do Exercito para tentar solventar no menor tempo posible esta situación. Esta reivindicación (o apoio do Exercito) xa fora solicitado por Villares no momento en que se estaba a producir o temporal. “O sábado púxenme en contacto có delegado da Presidencia para requirirlle a axuda das Forzas Armadas porque que a vista do que estaba ocorrendo era máis que necesario” sinalou o alcalde.

Para Villares, o ocorrido este fin de semana na Mariña é un dos casos onde “claramente” se necesita “unha coordinación clara e efectiva por parte da Xunta” e o apoio do Exercito. “A reposición do derrubamento do tendido eléctrico pode que sexa responsabilidade da empresa subministradora, pero tampouco podemos limitarnos a facer manifestación públicas e deixar de lado a cuestión principal: recobrar a normalidade, porque os veciños do rural teñen os mesmos dereitos que o resto dos veciños. O que deberían ter feito os responsables da Xunta era persoarse aquí para tentar solventar canto antes esta situación. Despois xa haberá tempo de reclamar responsabilidades e indemnizacións”.

Exit mobile version