Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Burela destaca que o plan sectorial aporta vivenda protexida, zonas verdes e equipamentos

Nota de Prensa

O BNG DE BURELA DESTACA QUE O PLAN SECTORIAL DE VIVENDA APORTA AO CONCELLO VIVENDA PROTEXIDA CUN INVESTIMENTO DE PRETO DE SEIS MILLÓNS DE EUROS CON NOVAS ZONAS VERDES E EQUIPAMENTOS

Para o BNG de Burela esta iniciativa do nacionalismo, a través da Consellaría de Vivenda e Solo da Xunta de Galiza, xerará actividade económica e facilitará a creación de emprego no concello

O BNG de Burela define o Plan Sectorial de Vivenda da Xunta de Galiza como unha grande oportunidade para o concello por canto permitirá aos veciños e veciñas dispor de vivendas protexidas a prezos accesibles, dirixidas tanto para as familias con rendas medias como para as máis necesitadas, polo que suporá unha oportunidade para que moitas persoas poidan acceder a unha vivenda.

O Plan Sectorial desenvolverase entre 2009-2017 e implica un cuantioso investimento de preto de seis millóns de euros. Esta iniciativa posta en marcha pola Consellaría que dirixe a nacionalista Teresa Táboas tamén aportará a Burela novos equipamentos e zonas verdes, creando espazos públicos de calidade dos que estamos tan necesitados neste concello, ademais de xerar actividade económica e favorecer o mantemento do emprego e a creación de novos postos de traballo, contribuíndo deste xeito a paliar os efectos da crise na que estamos inmersos, á que non é allea o concello de Burela.

Por todo isto é imcomprensible que o PP se poña en contra e intente xerar unha alarma entre os veciños e veciñas lanzando informacións erróneas e incluso falsas para confundir e sacar rendemento político a conta dos intereses dos propietarios afectados, como así se viu no pasado Pleno do día 30 de decembro. Un Pleno pedido polo propio PP, non para aclarar dúbidas e facer novos plantexamentos de vivendas protexidas, senón para manipular e crear “follón” político, como se podía apreciar nun correo electrónico enviado “por erro” aos medios de comunicación e no que o portavoz do PP daba instrucións claras e concisas, sobre o comportamento no Pleno e as notas de prensa que se deberían de sacar ao respecto, a certos partidarios seus para “quentar” os ánimos e crear guerra política.

Ao PP de Burela non lle interesa que o noso pobo medre e se desenvolva, que a nosa mocidade poida acceder a unha vivenda a prezo asequible ou que se creen novas zonas verdes e de equipamentos para disfrute de todos os veciños e veciñas de Burela. Ao PP de Burela só lle interesa criticar ao equipo de goberno e á Consellaría de Vivenda por esta iniciativa de creación de vivenda protexida que non comparten porque parece que están máis de acordo coas ideas dos especuladores do solo que nos conduciron a esta situación de enorme carestía das vivendas. Para o BNG resulta impresentable e triste ver ao PP defendendo os intereses de quen fai vivendas a prezos desorbitados e de especuladores do solo, utilizando para iso a preocupación dalgunhas persoas de boa fe que si comparten a necesidade de facer vivendas a prezos razoables e queren que Burela avance en todos os niveis, converténdose en vila punteira de toda a Comarca a nivel de servizos e dotacións e a nivel de asentamento de poboación.

Exit mobile version