Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG fai balance de 4 anos de traballo para corrixir déficits históricos herdados

NOTA DE PRENSA ( FNC)

O BNG DESTACA AS POLÍTICAS SOCIAIS E DE FOMENTO DA ECONOMÍA PRODUTIVA QUE LEVOU ADIANTE NESTA LEXISLATURA. OS NACIONALISTAS DIN QUE FORON 4 ANOS DE TRABALLO PARA CORRIXIR OS DÉFICITS HISTÓRICOS QUE SOFRÍA A COMARCA.

Burela, 21 de xaneiro de 2009. O traballo do BNG no goberno galego ao longo dos últimos catro anos, segundo o deputado Manuel Parga “estivo centrado fundamentalmente na priorización das proteccións sociais e no fomento da economía produtiva en beneficio da maioría da xente. Agora en situación de crise económica estas actuacións se veñen amosar como enormemente acertadas e máis necesarias que nunca”. Parga considera que foron “4 anos para corrixir déficits históricos herdados e 4 anos aportando solucións e actuacións, mentres outros grupos políticos coma o PP se adicaron a poñer paos nas rodas para impedir avanzar en eidos coma o da vivenda ou nos servizos sociais”.

Estes catro anos supuxeron para A Mariña, segundo o BNG “cambios de tipo legal e normativo para que o medio rural teña futuro; o deseño dunha política enerxética propia que vai beneficiar a esta comarca… non temos que esquecernos que dentro das concesións eólicas hai cooperativas agrarias na nosa comarca que participarán no novo desenvolvemento eólico; puxéronse en marcha medidas favorables por primeira vez para o tecido comercial; establecemos a comarca no sistema galego de benestar social e impulsamos unha política de vivenda para facer efectivo ese dereito a unha vivenda digan e unhas normas dun hábitat de calidade”.

Centros de día

Manuel Parga e os seus compañeiros do BNG na Mariña puxeron esta mañá en rolda de prensa varios exemplos do traballo desenvolvido ao longo deste anos polas súas consellerías na comarca. Parga sinala que “nunca se fixera unha aposta tan grande polos servizos sociais e polos servizos públicos de calidade e universais”. Entre as actuacións levadas adiante destacaron que “non había ningún centro de día para atender aos maiores dependentes e agora están operativos ou a punto de estalo os de Lourenzá, Ribadeo, A Pontenova e Viveiro. Hoxe ademais o Consello da Xunta aprobou a creación do centro de día de Burela que no prazo de mes ou mes e medio entrará en funcionamento. A única residencia da terceira idade, a de Burela, non estaba adaptada para atender a persoas dependentes e agora sí despois do investimento dun millón de euros que alí se realizou. Unha grande actuación será a residencia que está moi avanzada en Viveiro e que agardamos que estea lista neste 2009. Vai ter 150 prazas residenciais e 60 para o centro de día”.

Galescolas

Os nacionalistas tamén fixeron fincapé “na posta en marcha de programas coma o de Xantar na Casa do que se están a beneficiar varios concellos da nosa comarca; entrou en funcionamento o Centro Quérote de Burela e ampliáronse as escolas infantís de Ribadeo, Barreiros, Burela, Mondoñedo e Viveiro e están próximas a entrar en funcionamento as galescolas de Foz e de Valadouro. En materia de políticas de igualdade queremos destacar a Oficina de Igualdade e Benestar que se creou en Mondoñedo e que ten ámbito comarcal e os máis de 67 millóns de euros que se investiron no conxunto do país para o servizo galego de transporte adaptado co que xa contan algúns concellos mariñáns. Ademais por primeira vez, a pesares das críticas do PP, se implementou o complemento autonómico de 200 euros para as pensións non contributivas. Unha paga única anual que beneficiou tamén aos maiores da Mariña no 2008 e tamén o fará no 2009”.

Vivenda

Parga aludiu ás políticas de vivenda manifestando que “durante esta lexislatura se promoveron e se construíron máis de 1.400 vivendas protexidas. Vivendas a prezos taxados. E tamén se repararon vivendas de promoción pública en Barreiros, Burela, Mondoñedo e Viveiro que estaban nunha situación de deterioro e de abandono por parte do anterior equipo de goberno do PP. É de destacar o apoio da Consellería de Vivenda ás familias do Celeiriño, xa que puxo á súa disposición 1.500.000 euros para resolver problemas que foron creados por particulares e polo ineficacia doutros e non por Vivenda. Tamén é importante o plan de solo residencial que suporá a creación nesta comarca de 1.018 vivendas e un desembolso de máis de 32 millóns de euros. Todo isto da conta de que as políticas do BNG priorizan os intereses e as necesidades das persoas”.

Innovación e Industria

Neste catro anos desde o BNG “integramos aos concellos da comarca na sociedade da información, investíronse máis de 3 millóns de euros para a implantación da banda longa e da rede wimax en distintos parques empresariais; houbo un importante apoio ao comercio con axudas para acondicionar prazas e rúas comerciais; houbo melloras no subministro eléctrico e da rede de gasificación e é de destacar no campo da innovación tecnolóxica o apoio sen fisuras ao sector pesqueiro co centro tecnolóxico da pesca no que xa leva investido a Consellería de Innovación e Industria 1.700.000 euros e o novo convenio para a comercialización e a mellora do valor engadido dos produtos pesqueiros por importe de 2.000.000 millóns de euros que foi asinado recentemente”.

Solo empresarial

Manuel Parga subliñou tamén a promoción do solo industrial e empresarial da comarca “un solo libre de especulación no que destacamos o parque empresarial de Viveiro, unha das principais vilas da comarca que non tiña nin un só metro cadrado de solo empresarial. Serán 2.000.000 de metros cadrados de solo empresarial cos que conte A Mariña para que poidamos ter todas as posibilidades desenvolvemento económico das que sexamos merecentes. En Medio Rural levouse adiante o programa estratéxico de infraestruturas 2006-2009 que está practicamente rematado e as concentracións parcelarias, entre as que destacamos a de Alfoz.E xa no ámbito da Cultura e do Deporte realizamos importantes actuacións para a conservación do patrimonio histórico en Mondoñedo, Viveiro e Foz así coma a promoción de moitos eventos deportivos”.

Os nacionalistas tamén se preocuparon nesta lexislatura “por asuntos que xestiona o goberno do Estado ou outras consellerías, por exemplo a ralentización das infraestruturas coma o Corredor da Costa e en sanidade a presentación das nosas iniciativas para a ampliación do Hospital da Costa… non vai todo tan rápido como nos gustaría pero as planificacións están en marcha”.

Parga dixo que “a lexislatura non se completou totalmente e catro anos non son suficientes para solventar todo. Nós non nos conformamos, queremos avanzar e queremos consolidar o que xa fixemos e que a comarca da Mariña non volva ao pasado. Pelexaremos por ter máis competencias en materia de Salvamento Marítimo e de portos de interese xeral para que por exemplo o dique norte de Alcoa poida adicarse ao tráfico de mercadorías. O autogoberno galego e as políticas do BNG foron de utilidade para a comarca e o seguirán a ser nesta situación de crise económica”.

Exit mobile version