Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo non deberá indemnizar a Sumiges con 3 millóns de euros pola privatización

CERVO .- O concello de Cervo non terá que indemnizar a empresa Sumiges según indican dende o goberno municipal en base a unha sentencia xudicial.  “A Xustiza afirma que non cabe a reclamación porque mentres a empresa prestou os servizos percibiu dos usuarios as cantidades establecidas e indemnizarlle agora suporía un enriquecemento inxustificado. Ao mesmo tempo o Xulgado insiste en que o contrato de privatización destes servizos municipais é nulo e, polo tanto, nunca debeu ter provocado ningún efecto”, afirman.

Nota de Prensa

Satisfacción no Goberno municipal despois de que o Xulgado Contencioso-Administrativo de Lugo fallará que non procede a reclamación de danos e prexuízos iniciada por SUMIGES tras a anulación do contrato de privatización dos servizos de auga, saneamento, gas e recollida de lixo.

O CONCELLO DE CERVO NON TERÁ QUE INDEMNIZAR Á SUMIGES CON PRETO DE TRES MILLÓNS DE EUROS TRAS CORROBORAR A XUSTIZA QUE O PROCESO DE PRIVATIZACIÓN EMPRENDIDO POLO ANTERIOR EXECUTIVO MUNICIPAL SOCIALISTA FOI IRREGULAR

• A Xustiza afirma que non cabe a reclamación porque mentres a empresa prestou os servizos percibiu dos usuarios as cantidades establecidas e indemnizarlle agora suporía un enriquecemento inxustificado. Ao mesmo tempo o Xulgado insiste en que o contrato de privatización destes servizos municipais é nulo e, polo tanto, nunca debeu ter provocado ningún efecto.

• O Goberno municipal arremete contra o PSOE local a quen lle acusa de “deslealdade cos cervenses” pois nun primeiro momento executou a privatización irregular deste servizo e con posterioridade,  estiveron a carón da empresa privada e non na defensa dos intereses dos veciños de Cervo.

Cervo, 17 de xaneiro de 2008.-  O Concello de Cervo non terá que abonar os preto de tres millóns de euros que a empresa SUMIGES lle reclamaba polos danos e prexuízos nos que afirmaba ter incorrido tras ser anulada a privatización dos servizos de auga, saneamento, gas e recollida de lixo. Dúas sentenzas do Xulgado Contencioso Administrativo de Lugo coinciden no seu fallo e desestiman os recursos presentados por SUMIGES. A maxistrada-xuíz María Azucena Recio González resolve que non existe ningún tipo de responsabilidade patrimonial do Concello e, polo tanto, que non hai dereito á indemnización pretendida pola empresa.

Ambas resolucións xudiciais foron acollidas con satisfacción polo actual Goberno municipal xa que veñen a darlles a razón en cada un dos pasos dados ata o momento e corroboran que o proceso de privatización emprendido polo anterior Executivo municipal socialista foi claramente irregular. Ao mesmo tempo supoñen un importante aforro para as arcas municipais que doutro xeito terían que soportar un pago próximo aos tres millóns de euros.

DÚAS SENTENZAS FAVORABLES AO CONCELLO

Na primeira das sentencias o Xulgado contencioso administrativo bota por terra a pretensión de SUMIGES que pedía que se deixara sen efecto o acordo do Pleno do Concello de Cervo celebrado o 21 de agosto de 2007. Nesta data aprobouse a liquidación do contrato de privatización que unía ao Concello coa empresa SUMIGES despois de que tanto os tribunais como o Consello Consultivo de Galicia declarasen a súa nulidade. Tamén nesa sesión plenaria o Concello rexeitaba o pago de calquera tipo de indemnización de danos e prexuízos a favor desta empresa pois entendía que non había lugar á devandita reclamación.

Pola contra, a empresa concesionaria dos servizos de auga, saneamento, gas e recollida de lixo facía responsable ao Concello de Cervo da anulación do contrato e reclamaba 27.175,84 euros en concepto de dano emerxente e outros 2.265.415,47 euros en concepto de lucro cesante. Segundo a empresa esta circunstancia provocou un grave prexuízo patrimonial en forma de perda de ingresos económicos pero a Xustiza nega ás devanditas reclamacións.

No segundo dos pronunciamentos xudiciais tampouco se atende a pretensión de SUMIGES que reclamaba outros 386.640,44 euros en concepto de indemnización adicional polo tempo durante o cal a empresa continuou prestando os servizos de auga, saneamento, gas e recollida de lixo. A Xustiza nega tamén esta pretensión da empresa recorrente pois mentres SUMIGES prestou os servizos percibiu dos usuarios as cantidades correspondentes e indemnizarlle agora suporía un enriquecemento inxustificado que no ha lugar.

NULIDADE DO CONTRATO

En ambos fallos o Xulgado insiste en que o contrato de privatización destes servizos municipais é nulo e, polo tanto, nunca debeu ter provocado ningún efecto. Do mesmo xeito, o Tribunal avala a liquidación feita polo concello e cada un dos pasos realizados desde a administración local para desprenderse deste contrato claramente irregular.

As sentencias non fan expresa condena en costas pois non aprecia temeridade ou mala fe no recorrente e, sinala que cabe un recurso de apelación ante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza no prazo máximo de quince días seguintes a súa notificación.

ANTECENDENTES

Desde o Goberno municipal explicaron que está é a primeira sentenza que, desde 1999, data na que se iniciou todo o proceso, entra no fondo do asunto e, polo tanto, que analiza en profundidade todo o proceso de privatización dos servizos de auga, saneamento gas e recollida de lixo. “De aí a súa importancia e a transcendencia do seu contido”. O que existía ata o de agora eran dous informes do Consello Consultivo de Galicia que poñían de relevo a nulidade da privatización do servizo.

Nun primeiro momento O Concello de Cervo iniciou o procedemento de anulación de oficio deste contrato pero a xustiza mandou repetilo por entender que había caducado o expediente.Hoxe o Tribunal da por probado que o contrato é nulo de pleno dereito tal e como no seu momento estableceu a sentencia do 22 de xaneiro de 2007.

DESLEALDADE DO PSOE LOCAL

Desde o Goberno municipal adiantan tamén as consecuencias políticas dos devanditos fallos xudiciais. Acusan ao PSOE local de “deslealdade cos veciños de Cervo” e o explican a devandita acusación xustificandoa en dos feitos:

Primeiro.- Privatizaron un servizo público que a Xustiza resolveu como irregular.

Segundo.- Desde o primeiro momento os edís socialistas estiveron ao carón da empresa privada e non na defensa dos intereses dos veciños de Cervo.

De feito, desde o Goberno municipal móstranse convencidos de que se polos edís socialistas fora “xa teríamos pagado estes tres millóns de euros que hoxe os Tribunais recoñecen como non procedentes ou, o que sería aínda peor, continuaríamos cun servizo privatizado irregularmente”

ESPERO QUE NO PSOE SAIBAN PEDIR PERDÓN

O Grupo de Goberno mantén a súa esperanza de que desde o PSOE saiban rectificar o discurso mantido ata o momento escorado a favor desta empresa privada e saiban tamén pedir perdón aos veciños pola súa neglixente e irregular xestión. “Eles que tanto se enchen a boca falando da importancia dos servizos públicos foron os reis da privatización mentres que nós, desde os distintos Executivos municipais do Partido Popular, sempre defendemos que debía manterse unha xestión pública, porque o único beneficiario do auga, do saneamento, do gas e da recollida de lixo deben ser todos e cada un dos veciños”.

Exit mobile version