Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Ribadeo tratará a rehabilitación de Rinlo, as normas do asilo e a ordenanza de ruídos

RIBADEO (FNC) .- Mañá xoves pola tarde celebraranse no Concello de Ribadeo varias comisións informativas previas ao pleno que se desenvolverá a vindeira semana. Na comisión de urbanismo e obras analizarase a ratificación do novo proxecto da ARI para Rinlo. O rexedor, Fernando Suárez, lembra que “hai un tempo que se pediu unha área de rehabilitación integral para Rinlo, para o núcleo máis tradicional de Rinlo. Para Iso aprobouse un proxecto que xa se enviou á Consellería de Vivenda, pero desde este departamento suxeríronnos unha serie de cambios para facelo máis ambicioso aínda, de cara a incorporar actuacións públicas xa nun primeiro momento e non só actuacións privadas. Tivemos que refundir todas estas peticións nun novo proxecto que queremos que se refrende outra vez polo pleno, dado que vai ser un proxecto e un compromiso a varios anos e o que se pretende é crear un instrumento a través da achega de fondos públicos do Ministerio, da Xunta e do Concello para investir na axuda á rehabilitación de vivenda privada e tamén para a recuperación de espazos públicos dado o carácter singular que Rinlo ten coma parroquia urbana e pola súa proxección turística que aínda está por descubrir, pero que se lle cre importante”.

Hospital Asilo

Na comisión de asuntos e servizos xerais veranse as alegacións e a aprobación definitiva do regulamento de réxime interior do hospital asilo. O alcalde ribadense sinala que “hai unha parte das alegacións que despois da avaliación realizada polos técnicos e polo goberno serán estimadas e outras que non. Eu entendo que as alegacións presentaronse para enriquecer e para mellorar os textos que a Corporación aprobou hai un tempo, pero agora cabe aprobar de xeito definitivo dita ordenanza”. Suárez Barcia di que será importante por tres motivos, “pola adecuación ás esixencias legais dado que esa situación actual… pois estabase un pouco traballando de xeito alegal; permitirá abrir as portas ao financiamento externo a través de outras entidades coma a Xunta, a Deputación, etc e logo a través da lei de dependencia tanto para o centro coma para os seus usuarios e este regulamento tamén permitirá buscar un maior financiamento para reducir esa fenda existente entre os ingresos e os gastos xa que se iso non se dá pois poderíamos vernos abocados ao cese da prestación deste servizo”.

O alcalde engade que “nós como goberno e entendo que a Corporación tampouco quere que isto aconteza por iso no seu momento aprobouse inicialmente esa ordenanza e agora vanse tratar as alegacións”.

Contaminación acústica

E nas comisións informativas de mañá tamén se vai analizar o estado de tramitación da ordenanza contra a contaminación acústica. Fernando Suárez considera que “hai que volver traer a debate esta ordenanza que data do mandato anterior, pero que aí quedou. Foi aprobada inicialmente e sometida a exposición pública para que se presentasen alegacións, houbo alegacións que xa están informadas pero o documento digamos que estaba nun caixón”. O alcalde insiste en que “se trata de volvelo a sacar para que a Corporación decida que facemos con el. Eu non quero desentenderme desta responsabilidade xa que o Concello hai tempo que está condenado a pagar unha cantidade a un particular ata que se resolva este problema da contaminación acústica, pero tamén na propia sentencia o Concello está condenado a buscar solucións”.

Suárez engade que “polo tanto queremos promover propostas para regular este sector e esta problemática do ruído porque senón moito me temo que as cousas aínda poderían ir a peor con consecuencias desagradables para todas as partes e polo tanto para o Concello. Queremos que a Corporación se faga cargo desta responsabilidade e entre todos decidamos cal é o mellor método para regular o problema da contaminación acústica”.

Exit mobile version