Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Riotorto anima aos veciños a presentar proxectos e solicitar axudas do LEADER

RIOTORTO .- (FNC) O concello de Riotorto forma parte do grupo de desenvolvemento rural -GDR3- que foi resolto a finais do pasado ano pola Consellería de Medio Rura. O alcalde, Federico Gutiérrez Estoa lembra que “se trata das axudas LEADER da Unión Europea que recibirán as diferentes asociacións ou comarcas para o período 2008-2013. Nesta ocasión formamos parte da Asociación Montes e Vales  que abrangue aos concellos das comarcas de Meira e Fonsagrada que son ademáis de Riotorto, A Pontenova, Meira, Pol, Ribeira de Piquín, Fonsagrada, Baleira e Negueira de Muñiz”.

Gutiérrez Estoa sinala que “o proxecto presentado pola nosa asociación foi o terceiro mellor valorado da provincia de Lugo e de Galiza. En total serán 4.273.000 euros os que recibirá a comarca para levar adiante os proxectos de desenvolvemento económico que se presenten e que sexan aprobados pola asociación Montes e Vales durante este periodo. A nosa intención é aproveitar este novo plan LEADER moito mellor que o anterior no que estivemos na asociación Terras de Miranda”.

O rexedor de Riotorto anuncia que “ao longo dos vindeiros meses poñeréime en contacto con empresas e coas persoas que poidan estar interesadas en levar adiante proxectos que redunden no desenvolvemento económico de Riotorto. Para iso convocarei encontros cos diferentes colectivos do noso concello e manterei tamén entrevistas cos interesados para que coñezan máis de preto todo o que poden facer e as axudas ás que poden acceder. Neste sentido, a labor do concello vai ser a de animar e apoiar aos potenciais promotores para que presenten proxectos viables que incidan positivamente no noso desenvolvemento económico e benestar social”.

Federico Gutiérrez engade que “as iniciativas relacionadas cos sectores agrario, forestal e industrial así como da recuperación e posta en valor do noso patrimonio, que xeren emprego e melloren o noso entorno e calidade de vida son susceptibles de recibir as mellores axudas. Este programa vai ser un instrumento moi importante para desenvolver o potencial económico que ten o noso concello”.

Exit mobile version