Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP presentará unha moción en todos os concellos solicitando a declaración de zona catastrófica para a Mariña

NOTA DE PRENSA

O Partido Popular de Galicia presentará unha moción tipo en todos os concellos da Mariña facendo unha triple petición:

– A Declaración como zona catastrófica dos concellos mariñáns e, con iso, a obtención das axudas correspondentes a familias, empresas e institucións.

– A habilitación por parte da Xunta de Galicia e do Goberno central dun fondo extraordinario de axudas de abonamento inmediato co obxecto de paliar as perdas ocasionadas polo temporal.

– A colaboración da Xunta de Galicia con medios persoais e materiais cos distintos concellos para:

– Facilitar as reclamacións dos afectados.
– Facilitar a cuantificación dos danos producidos.

– Finalmente a Xunta deberá elaborar un cronograma con prazos e medidas concretas para que os distintos concellos coñezan as axudas que recibirán así como as datas nas que deben ter lista a valoración preliminar dos danos causados pola temporal.

MOCIÓN

EN APOIO DOS DAMNIFICADOS POLO TEMPORAL DE VENTO

E INSTANDO Á COMPENSACIÓN DOS DANOS PRODUCIDOS

Que se fundamenta na seguinte
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Os concellos da Mariña lucense constituíron entre os días 23, 24 e 25 de xaneiro de 2009 o epicentro dun temporal de enormes dimensións que ocasionou unha multitude de danos.

Ventos que se aproximaron aos 200 quilómetros por hora devastaron vivendas, vehículos, instalacións e todo tipo de infraestruturas. A caída de árbores, de sinais, de material de construción, de mobiliario público e o desprendemento de pezas de fachadas, forman parte dunha multitude de incidencias que, cuantificadas dun xeito preliminar, arroxan un resultado tremendamente negativo.

Os devanditos imprevistos víronse agudizados polo feito de que o subministro eléctrico e telefónico –tanto da rede móbil como da rede fixa- estivo interrompido. O corte destes servizos afectou á totalidade dos concellos das bisbarras mariñás e prolongouse por máis de 48 horas en gran parte do territorio, o que veu a multiplicar o reconto de perdas.

Xunto a todo iso, deben terse en conta os importantes danos rexistrados nunha multitude de infraestruturas de interese xeral, vías de comunicación e edificacións de uso e servizo público nos que urxe a inmediata reparación. Tamén deberan computarse os múltiples gastos nos que incorreron as distintas administracións locais co obxecto de paliar e superar as diversas situacións de emerxencia de natureza catastrófica que aconteceron.

Ao amplo balance de danos materiais- sen precedentes na historia recente de Galicia- engádeselle finalmente tráxicas consecuencias lutuosas. Todo iso despois de ter constancia do falecemento de varias persoas que perderon a súa vida por causas diversas relacionadas de xeito directo ou indirecto co temporal.

Contabilízase tamén decenas de persoas feridas, moitas delas traballadoras e traballadores do servizos de emerxencia, que desenvolveron unha actividade exemplar e abnegada no transcurso dos tres días de maior virulencia o temporal. Ao longo destas xornadas deron boa mostra do seu compromiso de servizo público, o que merece o correspondente recoñecemento e agradecemento do conxunto da sociedade civil.

Por outra banda, cabe salientar que a normativa actual, ademais de establecer accións preventivas ante este tipo de incidencias, regulamenta as actuacións que se deben desenvolver a posteriori co obxecto de garantir a protección e socorro das persoas e dos bens afectados por situación de índole catastrófica.

Neste marco protector reside a conveniencia de artellar un sistema de axudas paliativas e outros mecanismos dirixidos a compensar as situacións de necesidade na que se poden atopar familias, colectivos, empresas e institucións que están a sufrir as consecuencias dos feitos que desencadearon a situación de emerxencia.

Para a realización de canto antecede, en cada exercicio, os Orzamentos Xerais do Estado e os da Comunidade Autónoma galega veñen consignando determinados créditos. Ao mesmo tempo, existen precedentes de axudas directas, que deben basearse nos principios de celeridade e eficacia, coas que a Xunta busca compensar os innumerables danos provocados dun xeito inmediato.

A natureza dos danos producidos, así como o temporal de vento que desencadeou a situación descrita implica, con alto grado de probabilidade, que as indemnizacións sobre aqueles bens asegurados correrá a cargo do consorcio de compensación de seguros. Malia confianza que ofrece este instrumento, o certo é que cabe esperar que as distintas administracións poidan implicarse na tarefa de evitar o retraso no aboamento final das indemnizacións, así como tamén, no obxecto de superar as dificultades derivadas dos complexos requisitos burocráticos e procedimentais que este tipo de reclamacións implican.

En definitiva, é necesario promover un forte compromiso das distintas administracións públicas –de xeito especial á Xunta de Galicia e ao Goberno central- para contribuír a superar as graves consecuencias deste temporal. Como consecuencia de todo isto, están a verse afectadas de forma máis que evidente as condicións de vida das persoas que residen nos distintos concellos da Mariña lucense, así como tamén, a situación actual leva un prexuízo máis que evidente que se engade á xa de por si delicada situación económica destas bisbarras, que non son alleas ao contexto xeral de crise.

É polo que, o Grupo Municipal Popular somete á consideración do Pleno a aprobación da seguinte

PROPOSTA DE ACORDO

PRIMEIRO.- Solicitar tanto á Xunta de Galicia como ao Goberno central que aproben unha partida orzamentaria extraordinaria para compensar de xeito inmediato os innumerables danos que causou o temporal de vento na Mariña lucense, así como tamén os gastos nos que incorreron as administracións locais co obxecto de paliar as situacións de emerxencia que se produciron.

SEGUNDO.- Solicitar ao Goberno central que promova un acordo do Consello de Ministros polo que se declare como zona catastrófica o conxunto dos concellos da Mariña lucense, de tal xeito que as persoas, entidades e concellos que se viron damnificados por esta situación de calamidade pública reciban as axudas económicas correspondentes para paliar os danos rexistrados nos seus bens.

TERCEIRO.- Que a Xunta de Galicia habilite os medios técnicos e humanos correspondentes, a título individual ou en concorrencia con outras administracións, para facilitar e colaborar en todos os procedementos de reclamación extraxudicial polos danos e prexuízos ocasionados polo temporal.

CUARTO.- Que a Xunta de Galicia elabore un cronograma de actuacións, con prazos e datas determinadas, para que os distintos concellos afectados dean conta das valoracións de danos producidos, así como tamén poña a disposición destas entidades locais afectadas os medios técnicos necesarios para colaborar nos procesos de cuantificación de perdas.

QUINTO.- Dar traslado do presente acordo, ao Presidente da Xunta de Galicia e do Goberno de España, así como tamén ao conxunto dos Grupos políticos integrantes do Parlamento de Galicia e das Cortes Xerais.

En Cervo, a ___ de xaneiro de 2009.

O Concelleiro do Partido Popular

Asdo.: Jose Manuel Balseiro Orol

Exit mobile version