Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP rebate os logros das Consellerías do BNG

NOTA DE PRENSA
Segundo o deputado popular a xestión das áreas nacionalistas da Xunta tense caracterizado por “moita propaganda pero nula acción”, polo que a súa análise é moi diferente da feita no día de onte polo BNG comarcal
BALSEIRO REBATE OS LOGROS ACADADOS POLAS CONSELLERÍAS NACIONALISTAS AO LONGO DESTA LEXISLATURA E SUBLIÑA O FORTE RETROCESO EN MATERIA DE BENESTAR SOCIAL

* Tras catro anos de Goberno, e pese aos anuncios semanais, non hai un só centro de día nin residencia para persoas maiores novas e operativas na Mariña.

* O resultado da xestión nacionalista do medio rural: 3.000 explotacións gandeiras pecharon as súas portas e paralizáronse todas e cada unha das concentracións parcelarias na nosa comarca.

* O parque empresarial de Landrove, en Viveiro, exemplifica a xestión do BNG nesta área: Pese a consignar fondos para esta actuación ano tras ano, non foron quen de investir un só euro.

* O Plan de solo residencial do bipartito: Forte contestación social e rexeitamento incluso desde concellos como o de Ribadeo, con alcalde do BNG.

* A Consellería do nacionalista Fernándo Blanco incapaz de estar ao carón do pequeno e mediano comercio e de poñer freo a destrución de emprego no sector industrial

A Mariña, 22 de xaneiro de 2008.- O deputado do Partido Popular de Galicia, José Manuel Balseiro Orol, vén de facer unha análise alternativa respecto da xestión das áreas de responsabilidade nacionalista no Goberno galego. A devandita valoración dos populares é moi diferente da feita no día de onte polos responsables do BNG na nosa comarca. O parlamentario popular rebate cada un dos supostos logros que segundo os nacionalistas acadaron desde as súas consellerías e subliña que a súa xestión pódese definir cunha frase moi sinxela: “moita propaganda, pero nula acción”.

NIN UN SÓ CENTRO SOCIAL OU RESIDENCIA NOVA OPERATIVA

Segundo Balseiro Orol despois de que BNG xunto co PSOE accederan ao Goberno da Xunta asistimos a un evidente retroceso en materia de benestar social “tanto no referente ás políticas de atención ás persoas maiores e dependentes como no relativo á súa permisividade ante o deterioro do sistema público de saúde” Proba disto é o feito de que, pese aos dereitos e sos servizos de obrigado cumprimento establecidos na Lei de Dependencia, a Vicepresidencia non foi quen de abrir un só centro de día nin residencia para persoas maiores novo en ningún dos concellos da Mariña. “Estes foron catro anos de continuos anuncios pero non foron quen de avanzar máis aló da simple propaganda. Enchéron a boca falando semana tras semana de novas instalacións en Lourenzá, Ribadeo, A Pontenova ou Viveiro pero, catro anos despois ningunha delas está operativa, nin acolle a ningún beneficiario”.

Ao mesmo tempo o BNG esquece que, por exemplo o centro de día que hoxe esta situado en Ribadeo foi inaugurado no 2003 por Corina Porro. Polo tanto a súa existencia débese á vontade e o compromiso do por entonces goberno do Partido Popular, tanto na Xunta -con Manuel Fraga- como no propio concello -con Jose Carlos Rodríguez Andina.

NO BNG PERMISIVOS ANTE O DETERIORO DA SANIDADE PÚBLICA

Balseiro Orol non comprende como o BNG lonxe de colaborar co PP en achegar solucións ampara a mala xestión socialista que se está a levar adiatne desde a Consellería de Sanidade e que ten a súa manifestación máis explícita no notable deterioro do sistema público de saúde na Mariña. O deputado popular lembra que o BNG e o propio deputado Parga ten votado no Parlamento en contra da ampliación do Hospital da Costa, do establecemento dun sistema de auditoría sobre as listas de espera ou, incluso, da apertura dun punto de atención continuada (PAC) en Foz. “De nada valeu que esta fora unha promesa, que consta por escrito, do puño e letra do Sr. Quintana”.

3.000 EXPLOTACIÓNS GANDEIRAS PECHAS AS SÚAS PORTAS

No relativo ao medio rural, os populares lembran que o resultado da xestión do nacionalismo nesta área son 3.000 explotación gandeiras que, ao longo destes catro últimos anos tiveron que pechar as súas portas. “Ruína e máis ruína nun sector ao que os nacionalistas non souberon apoiar convenientemente en tempos de crise”. Ao mesmo tempo reclaman ao BNG que explique cales son as concentracións parcelarias que teñen axilizado desde esta Consellería pois “da parálise nesta área, e dos incumprimentos no desenvolvemento das obras que se necesitaban desenvolver en pistas e accesos poden preguntar aos veciños de Mondoñedo e Alfoz”.

CRISE NO SECTOR INDUSTRIAL E NO PEQUENO COMERCIO

Respecto da área de Industria, Balseiro Orol cuestiona o comportamento do nacionalismo pois, ao seu xuízo, non foi quen de articular un só mecanismo de apoio ao pequeno e mediano comercio, nin achegar solucións prácticas para evitar a destrución de emprego en industrias como as auxiliares de ALCOA.

Ao mesmo tempo subliñou o feito de que, tanto desde a Consellería de Industria como desde o departamento autonómico de Vivenda -este último o competente en materia de solo industrial- non se teñen esforzado o suficiente para ofrecer unha oferta capaz de achegar novas empresas. Exemplifica a súa posición co acontecido co parque empresarial de Landrove, en Viveiro. “Todos os orzamentos autonómicos do bipartito veñen contemplando unha achega para executar este parque empresarial pero non foron quen de investir un só euro. Nin un só céntimo para novas áreas industriais na Mariña”

CONTESTACIÓN SOCIAL: PLAN DE SOLO RESIDENCIAL

Tampouco o plan de solo residencial está a ser un exemplo de xestión eficiente en materia de nova vivenda a prezos accesibles. De feito, naqueles concellos nos que se está a levar adiante atópase cunha forte contestación social, con críticas dos veciños e dos propietarios que verán expropiados os seus terreos. Tanto é así que incluso, un concello como o de Ribadeo, con alcalde nacionalista, amosou o seu contundente rexeitamento ao plan de solo residencial que pretende levar adiante a departamento autonómico que dirixe a nacionalista Teresa Táboas.

QUINTANA MAL NEGOCIADOR

Non se esquece o deputado popular de valorar as reclamacións que desde o BNG comarcal fan para insistir na bondade de reclamar novas competencias, que deben ser transferidas desde a Administración central ata a Xunta de Galicia. Os nacionalistas reclaman que a Xunta poida facerse cargo do salvamento marítimo “e todo iso pese a que é máis que evidente que o Executivo bipartito non foi quen nin tan sequera de xestionar os medios de rescate que ten a Xunta: lanchas amarradas no porto, helicópteros inoperativos, rescates frustrados pola incapacidade de coordinación da Xunta,… e así un longo etcétera”. En todo caso, lembra que a negociación co Goberno central para acadar novas competencias é responsabilidade do Sr Quintana, “que demostrouse é un mal negociador. Co Goberno do PPdeG lográronse en Galicia 60 novas competencias, tras a negociación do BNG, reclamaban 70 e acabaron con tan só 7 novas competencias”. En resume, todo un exemplo de mala negociación en prexuízo dos intereses dos galegos e das galegas

CORRESPONSABLES DA MALA XESTIÓN DO PSOE

Balseiro comparte pero non comprende as críticas que desde o BNG fan ás áreas de responsabilidade socialista na Xunta. As comparte porque, coincide cos nacionalistas en que as consellerías en mans do PSOE ofrecen, catro anos despois, un resultado negativo. Pero non comprende esta crítica procedente do BNG ao PSOE porque, ao entender do deputado popular, os nacionalistas son tan responsables como os do PSOE desta mala xestión. “Forman parte do mesmo Goberno e son corresponsables estes fallos, xa sexa por omisión ou por acción”.

Exit mobile version