Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo será meta da regata de vela La Transgascogne

RIBADEO .- Ribadeo será en agosto deste ano o punto de chegada da XII Edición da prestixiosa regata internacional La Transgascogne. Así se presentou hoxe en rolda de prensa este evento de gran proxección para Ribadeo debido á súa repercusión mediática no país galo. A participación de Ribadeo como destino final da regata sóubose xa o pasado 7 de decembro no Salón Nautique de Paris 09, no que se deu a coñecer a participación da cidade no percorrido da proba náutica. A Trasgascogne 6.50 vense celebrando cada dous anos dende 1988 e é proba clasificadora para a mítica Mini Transat. A regata dará comezo na vila francesa o día 1 de agosto e conta coa colaboración da Consellaría de Innovación e Industria a través da Dirección Xeral de Turismo.

O director xeral de Turismo, Rubén Lois, explicou o respaldo que a consellaría de Innovación e Industria lle facilita á regata porque “cremos que Galicia debe de estar no mapa mundial das grandes competicións náuticas”. Segundo dixo, o deporte náutico está moi popularizado en Francia e por cada licenza coa que se conta en Galicia existen 15 licenzas no país veciño, de modo que “é un mercado turístico que debemos potenciar e aproveitar”. Segundo explicou Lois, na prensa do noso país, todos estes eventos náuticos son recollidos puntualmente, pero por parte da prensa francesa acadan unha cobertura similar á dunha grande proba ciclista e dedícaselle espazo diario nos xornais”. “Isto para Ribadeo é unha promoción e proxección internacional que non ten prezo”, matizou. Segundo explicou o director xeral de Turismo, o obxectivo de acoller este tipo de eventos é acadar que Ribadeo se converta no porto de referencia do turismo náutico do Cantábrico. “A celebración da regata La Transgascogne en Ribadeo vai marcar un antes e un despois en canto a turismo náutico se refire”, engadiu.

Na Transgascogne, que parte do Porto de Bourgenay, en La Vendée francesa, participan 80 embarcacións de 2,5 metros de manga e conta con deportistas de varios países europeos como Inglaterra, Francia, Bélxica, Holanda ou Italia. Os participantes, que moven con eles a un equipo dunhas 250 persoas, permanecerán durante dúas xornadas en Ribadeo e dispoñen de 28 horas de máximo para chegar navegando dende La Vendée até o porto cantábrico. Segundo explicou o presidente da Estación Náutica de Ribadeo, Gervasio Cao, o porto e a estación rexistran unha media de 400 paradas e a celebración desta regata na cidade é “o paso definitivo para que o porto de Ribadeo acade unha referencia internacional”.

Pola súa banda, o alcalde de Ribadeo sinalou que o feito de que a Dirección Xeral de Turismo financie este evento deportivo sen escala e unha mostra do seu compromiso coa cidade e amosouse confiado da repercusión turística para Ribadeo deste tipo de eventos, tanto na calidade do turismo como na súa internacionalización.

Exit mobile version