Site icon Crónica3.com A Mariña

Un pais de novos ricos

Otero Regal

A os da miña xeración (eu nacín en 1952) educáronnos nunha serie de valores que, como puidemos comprobar anos despois, quedaran obsoletos. Ou, mellor dito, pasados de moda. Recordo a miña avoa rifándome cando deixaba a comida no prato: “se pasasedes unha guerra como pasei eu “… Tamén recordo os discursos do meu pai sobre o esforzo (“faite á idea de que ninguén che vai regalar nada, que terás que traballar toda a vida, como eu,”) e os consellos da miña nai sobre o aforro e a austeridade (“o que garda sempre ten”). Educáronnos, como a outros moitos nenos, para respectar os maiores, ser responsables e tocar sempre cos pés no chan. Pero o mundo que eles viviron estaba a cambiar rapidamente e nós, cachorriños imberbes, tivemos que adaptarnos aos novos tempos.

A min aínda me facían rezar no colexio e poñerme de pé cando o profesor entraba en clase. Por sorte, non me tocou nunca cantar o “Cara al sol” nin o das “montañas nevadas” eso si naquelas épocas o mestre e toda a clase docente tiña a man solta, e pervivía certa orde e rixidez extrema, recordo que un deses educadores chegou a separarme as orellas de raíz.

Despois vímonos inmersos na cultura do triunfo a curto prazo, o pelotazo. O lema de “quen algo quere, algo lle custa” foi substituído por o de “porque eu o vallo”. Fómoslle collendo gustillo a iso de vivir a crédito e a darnos luxos que quizais non podiamos asumir. Casas novas, home cinema, coches caros, pantallas planas, móviles de ultimísima xeración, viaxes horteras… Se non o aproveitabas é porque eras gilipollas. A min chamáronmo. Viviamos como novos ricos, gastando arrogantemente un diñeiro que non tiñamos. Ninguén pensaba nas vacas fracas, todos esqueceran os consellos caducos dos nosos pais e metiámonos alegremente en empréstitos hipotecarios de interese variable a mil anos.

E un día chega a crise. A case todo o mundo lle vén moi de novas porque só len o Marca e ven Telecinco. Hoxe, que ata o gato se decatou de que pasa algo moi malo, aínda hai xente que pensa que isto é unha cousa pasaxeira, que Obama e Zapateiro o van resolver todo en dúas reunións e que ímonos a cear que reservei mesa para as nove. É certo que nós, pobres mortais, non podemos facer nada para evitar o que se aveciña. Todo o mundo as vai pasar canutas, moitos economistas alertan do elevado risco dunha cousa que se chama insuficiencia fiscal, isto é que o estado debe pagar máis do que ingresa, porque os que pagamos impostos somos cada vez menos e os que cobran prestacións do estado son cada vez máis, e a tendencia é a peor. Os estados, como as empresas, tamén poden quebrar. Pero como isto é demasiado inquedante, dannos pan e circo, a mellor anestesia: A Liga e Ónde estás corazón.

Moita xente perdeu xa o seu emprego. Agora que veñen mal dadas nós, os reis do mambo, acordámonos daqueles sensatos consellos de nosos maiores: “Alfonsiño ninguén dá pesos a catro pesetas” e “A mellor lotería é o traballo”. Descubrimos que non tiñamos sangue azul, que a nosa prosperidade era fráxil e que todo foi unha especie de broma cruel. Coñezo bastantes casos de xente que volve á casa dos seus papás, co rabo entre as pernas e un cartel de véndese” no balcón, e de moitos outros, os das hipotecas que as están a pagar os seus pais co diñeiro que aforraron tras toda unha vida traballando. Plans de rescate como os do estado, pero no ámbito paternofilial. Non, non ían tan mal encamiñados os vellos. Non sabían programar o vídeo, o DVD xa nin cóntolles, pero sabían moito máis da vida ca nós. Ollo, tamén están os inconscientes que animaron aos seus fillos a meterse no marrón, no pecado teñen a penitencia.

Os nosos avós eran pobres, pasaron fame e sobreviviron a unha guerra terrible e a unha posguerra aínda peor. Os nosos pais puideron, a base de traballar moito, ter casa e vivir dignamente. Nós, os novos ricos, criámonos máis listos que ninguén e agora, mirándonos ao espello, descubrimos amargamente que somos os pobres de sempre. A aterraxe forzosa vai ser moi dura.

Exit mobile version