Site icon Crónica3.com A Mariña

Vintecinco obras concorren ao Premio Blanco Amor de Novela que organiza Burela

BURELA (FNC) .- Un total de vintecinco obras presentaronse á 27 edición do premio de novela longa Blanco Amor que este ano organiza o Concello de Burela. A edil de Cultura, Neves Cando, asegura que “se mantén o nivel doutras edicións no que a media de presentación de traballos situase entre os 25 e os 30, o que nos permite afirmar que continúa con sona a convocatoria deste clásico da narrativa longa galega”. O xurado reunirase a finais do mes de marzo para despois a principios de abril dar a coñecer o nome do autor ou autora gañador deste importante premio.

A concelleira nacionalista sinala que “o xurado está formado por autores e autoras, críticos e críticas literarios de recoñecida valía que son xente nova ao igual que Burela que é un concello de xente nova e tamén son persoas vencelladas á nosa comarca, ademais de contar coa presenza da gañadora da pasada edición do Blanco Amor que foi Inma López Silva, unha recoñecida autora, doutora en filoloxía e especialista en teatro que ten publicados importantes libros sobre a historia do teatro galego, é columnista de coñecidos xornais e profesora da Escola de Arte Dramático de Galicia, a pesares da súa xuventude xa conta no seu haber con premios coma o Blanco Amor e o Xerais”.

Neves Cando explica tamén que outros membros do xurado son “Emilio Insúa, poeta viveirense, doutor en filoloxía galega e socio fundador e directivo do Seminario de Estudos Terras de Viveiro, é coautor de libros de texto de secundaria e bacharelato e máximo estudoso da figura de Antón Vilar Ponte. Contamos tamén con Olaia Cociña, poeta e xornalista de Viveiro, moi premiada xa no seu labor poético como demostra o premio Fiz Vergara Vilariño do pasado 2008. Tamén forma parte do xurado Santiago Jaureguizar, xornalista e autor de recoñecida traxectoria que ten no seu haber premios coma o Xerais e o García Barros de narrativa, moi vinculado ao movemento bravú é pioneiro na introdución da narrativa galega na rede e por último estará con nós Armando Requeixo que é un autor mindoniense, investigador e analista de figuras como Anxel Fole, Luis Seoane ou Celso Emilio Ferreiro, é ademais ensaísta, tradutor e membro do consello redactor de varias publicacións”.

Exit mobile version