Site icon Crónica3.com A Mariña

XI tirada de bolos en Xove

XOVE.- O pasado sábado fíxose a XI tirada do campionato de bolos de Xove. A xornada celebrouse en Palmeiro, nunha tarde agradable e campo en perfectas condicións. Boa participación con 26 inscritos, 20 da Liga de Maiores e 6 da Sub 18.

Liga de Maiores.- Continua o man a man entre Arturo Vigo e José Rafael González polo primeiro posto, destacándose ambos do resto con 87 e 80 puntos respectivamente. Tanto o líder como o segundo estanse mostrando moi regulares nas últimas tiradas, o que lles está permitindo distanciarse do resto; concretamente o terceiro clasificado, que estrea posición, é Luis Rancaño con 61 puntos, a 19 de José Rafael e 26 de Arturo Vigo. Ginés Rodríguez perde unha posición e é cuarto con 59 puntos. Quen está a perder fuelle neste inicio da segunda volta é Augusto Albo quen só conseguiu 3 puntos nas dúas últimas tiradas, polo que se está alonxando dos postos de cabeza.

Liga Sub 18.- Temos que facer aquí mención ao líder, ANDRÉS RODRÍGUEZ, cun comezo de da segunda volta espectacular, sumando o máximo (14 puntos) nas dúas primeiras tiradas do ano, o que lle permite destacar na primeira posición con 53 puntos, 21 máis que Jose Vigo. Polo tanto, por se quedaba algunha dúbida, a falla de 7 tiradas para o final, Andrés Rodríguez e o principal e único favorito para o trunfo final e conseguir a súa segunda Liga consecutiva. Amais disto, temos que destacar a Andrés por outro motivo moi importante, e é que despois de repasar o historial da Liga Sub 18 nos últimos anos temos que ANDRÉS RODRÍGUEZ leva a frioleira de 31 tiradas consecutivas puntuando, ou sexa, Andrés puntuou en tódalas tiradas dende o 10 de marzo de 2007, algo que non conseguiu ningún xogador de ningunha das Ligas nos 20 anos de historia do Campionato. E segue, porque este récord inda non rematou, tendo posibilidade, se sigue xogando a este nivel, de deixalo nun rexistro moi alto. Felicidades polo tanto a Andrés, un xogador que nos seus inicios non apuntaba precisamente a campión, pero que con esforzo, e a inestimable axuda do seu pai, o xogador Ginés Rodríguez, está demostrando que pode chegar moi lonxe nos vindeiros anos dada a súa xuventude.
Acceder á clasificación

A Vindeira tirada, e segunda desta segunda volta, vai ter lugar no CENTRO SOCIAL DE MONTE, O VINDEIRO SÁBADO, 24 DE XANEIRO DE 2009.

Exit mobile version