Site icon Crónica3.com A Mariña

Afectados polo plano sectorial de Vivenda na zona de Foxo concentráronse en Burela

BURELA .- Veciños afectados polo Plano Sectorial de Vivenda da Xunta de Galicia na zona de Foxo, en Burela concentráronse ante unha das entradas do polideportivo no que participou nun mitin o candidato do BNG Anxo Quintana. O afectados aseguran que “queremos denunciar que a día de hoxe non se nos ten comunicado ningunha resposta ás nosas alegacións, presentadas hai xa cáseque dous meses”.

Nota de Prensa

NOTA DE PRENSA DOS VECIÑOS AFECTADOS POLO PLANO SECTORIAL DE VIVENDA DA XUNTA DE GALICIA EN BURELA.

Os veciños afectados polo Plano Sectorial de Vivenda da Xunta de Galicia na zona de Foxo, no concello de Burela, queremos denunciar que a día de hoxe non se nos ten comunicado ningunha resposta ás nosas alegacións, presentadas hai xa cáseque dous meses.
Os propietarios de Foxo que nos consideramos afectados queremos manifestar que estamos dispostos a levar a cabo as medidas que estean nas nosas mans, desde o máis estricto respecto á legalidade vixente, para que non se leve a cabo un proceso de literal atraco e de especulación coas nosas fincas.
Así, no día de hoxe tentamos amosar o noso malestar ós representantes do BNG que estiveron en Burela, facendo constar que este grupo político aínda non se reuniu coa plataforma creada a nivel galego para defender os intereses dos propietarios afectados, pero como resposta obtivemos un desprezo absoluto, posto que entrou pola porta traseira do pavillón para non dar a cara e volveu a saír pola mesma e por resposta obtivemos textualmente  : “Vós veredes o que facedes”.
Consideramos que un partido político que se prece de ser goberno ou de ser alternativa de goberno debe estar disposto a falar cos afectados e recoller as súas inquedanzas, de cara a buscar unha solución a un problema que só foi xerando pola propia Xunta de Galicia sen contar en ningún momento cos propietarios afectados.
Polo tanto, queremos indicar que esta non será a última acción de protesta para defendernos do que entendemos que é unha decisión arbitraria da Xunta e que atenta contra o dereito de propiedade que temos todos os cidadáns. Desexamos deixar claro que estamos a favor de que todo o mundo poida exercer o dereito a ter unha vivenda digna, e polo tanto non nos opoñemos a que haxa vivenda protexida, pero non pisando os dereitos lexítimos dos propietarios de fincas, como está a acontecer.

Exit mobile version