Site icon Crónica3.com A Mariña

Descobre o PP que a Xunta pretende cubrir 10 prazas en gardacostas con persoal sen a debida cualificación

NOTA DE PRENSA

Os populares lembran que a inspección e o salvamento marítimo é un corpo especial cuxas prazas non pode ser cubertas por persoal sen a debida cualificación

O PP ASEGURA QUE A XUNTA “ESQUECE” CUMPRIR A SÚA PROMESA DE CONVOCAR OPOSICIÓNS PARA 10 PRAZAS NO SERVIZO DE GARDACOSTAS E AS COBRE COAS LISTAS DA ADMINISTRACIÓN XERAL

•    As dez persoas contratas de xeito irregular están recibindo en Santiago un curso formativo intensivo no que se lles está a impartir nocións de recoñecemento de especies, artes de pesca, e lexislación pesqueira.

A Mariña, 17 de febreiro de 2009.- O voceiro para asuntos de Pesca do Partido Popular de Galicia, José Manuel Balseiro, sinalou hoxe que o departamento autonómico que dirixe a socialista Carmen Gallego está a infrinxir a normativa legal en canto á asignación de persoal para desenvolver tarefas no servizo de Gardacostas de Galicia. Balseiro lembrou que “a día de hoxe” a Xunta de Galicia “segue esquecendo” o seu proxecto estrela do 2008 de crear 10 novas prazas no Servizo de Gardacostas de Galicia.

INCUMPRIMENTO

Hai máis dun ano a Consellería de Pesca anunciou a incorporación de catro novas prazas para inspectores de escala técnica e 6 novas prazas para subinspectores de escala executiva. Segundo Balseiro, “o lóxico” sería sacar estas prazas en concurso-oposición, “pero cando se deron conta xa non lles daba tempo” e entón, en lugar de cubrir estes postos cos opositores aprobados noutras convocatorias que non acadaron praza, ou mediante promoción interna, “resulta que tiran das listas da Administración Xeral” salientou o voceiro popular.

PERSOAL DA ADMINISTRACIÓN XERAL

Na súa opinión esta decisión da consellería de Pesca é irregular, posto que o Servizo de Gardacostas é un corpo especial “que non pode cubrir as súas vacantes con persoal que non estea debidamente cualificado para o posto que vai a desenvolver, do mesmo xeito que os funcionarios de Gardacostas tampouco poden optar a ningunha outra praza da Administración Xeral” asegurou Balseiro.

PERSOAL NON CUALIFICADO

Así mesmo  salientou tamén que a consellería que dirixe a socialista Carmen Gallego non só incumpre estes condicionantes legais; se non que están a cubrir as prazas vacantes con persoal cuxa cualificación profesional non ten nada que ver coa inspección e o salvamento marítimo. “Teñen collido a persoas que estaban contratadas como cociñeiros e en residencias da terceira idade” asegurou Balseiro.

Tamén explicou que estas dez persoas contratas de xeito irregular están recibindo en Santiago un curso formativo intensivo no que se lles está a impartir nocións de recoñecemento de especies, artes de pesca, e lexislación pesqueira.

Para o voceiro popular de asuntos de Pesca, Jose Manuel Balseiro Orol esta política dos responsables galegos en materia de vixilancia e seguridade no mar e “unha mostra máis do grao de incompetencia” ao que chegou administración autonómica “da man dos actuais responsables da Xunta de Galicia nestes últimos catro anos”.

Exit mobile version