Site icon Crónica3.com A Mariña

Exposición do viveirense Manuel Bujados no Museo Provincial de Lugo

LUGO .- A cidade das murallas acolle dende hoxe a mostra Manuel Bujados no Museo Provincial de Lugo, unha ampla exposición que pretende recuperar e dar a coñecer a obra e personalidade deste artista viveirense finado a mediados do século XX. Coincidindo co 120 aniversario do nacemento de Manuel Bujados, o Museo de Lugo ofrécelles aos seus visitantes a colección máis completa da obra deste autor, da que dispón calquera institución pública ou privada, dentro ou fóra das nosas fronteiras.

Esta é a primeira vez que se expón ao público unha colección de tales dimensións. Dita mostra tomou forma gracias á doazón realizada ao Museo Provincial, no ano 1966, por Antonio Fernández López, un dos mecenas desta institución e do Centro Lucense de Bos Aires. Entre as súas achegas atopábanse unhas 30 obras de Manuel Bujados, tales como esbozos, debuxos e pintura de técnica mixta.

A maiores, nesta exposición inclúense exemplares de xornais e revistas da época, custodiadas polo Museo de Lugo e outras, cedidas por un particular.O descubrimento de novos debuxos no reverso dalgunhas das obras, mentres os técnicos do museo enmarcaban os lenzos para a súa exhibición, converteuse en todo un acontecemento. Era a primeira vez que eses debuxos vían a luz.

Manuel Bujados (Viveiro, 1889- Velle Ville –Arxentina- 1954) foi pintor, retratista, debuxante e ilustrador. Pasou á historia como uns dos principais representantes da estampa modernista española dos primeiros anos do século XX e, colaborou en numerosas publicacións de prestixio da época como La Esfera, Blanco y Negro, Nuevo Mundo o La Tribuna. Ademais, logrou co seu esforzo e bo facer que a boa parte da súa produción artística estivese exposta en centros e salas de renome localizadas en lugares tan afastados coma Galicia, Madrid ou Bos Aires (Arxentina).

Exit mobile version