Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Blanco di que vén á Mariña “cos deberes feitos, non coma outros”

O cabeza de lista do BNG interviu hoxe nun mitin en Foz xunto ao número 3 da lista, Manuel Parga

FERNANDO BLANCO: “CONTRA OS ATAQUES, PROPOSTAS; CONTRA AS MENTIRAS, IDEAS; CONTRA AS FALSEDADES, COMPROMISO E TRABALLO”

O candidato nacionalista acusa a PP e PSOE de “intentar trasladar a Galiza a campaña suxa doutras partes do Estado” e afirma que “o BNG non vai entrar porque aos cidadáns o que lles importa é que se fale dos problemas de Galiza e das solucións a eses problemas”

Fernando Blanco di que el vén á Mariña “cos deberes feitos”, non coma outros, dixo, “que só veñen en campaña electoral a pescar votos”

Foz, 26 de febreiro. O cabeza de lista do BNG pola provincia de Lugo, Fernando Blanco, acusou hoxe a PP e PSOE de “emporcar a campaña galega” tentando “trasladar a Galiza as súas pelexas de Madrid”. Nun mitin na Sala Bahía de Foz ante máis de 250 persoas, o cabeza de lista do BNG pola provincia de Lugo afirmou que “o BNG non vai entrar na campaña suxa de acusacións e descalificacións porque aos cidadáns o que lles importa é que se fale dos seus problemas, dos problemas de Galiza e das solucións a eses problemas”, dixo.

Fernando Blanco acusou a PP e PSOE de “estar máis pendentes nesta campaña de Madrid que de Galiza” e de non facer “nin unha soa proposta para o noso país nin para saír da crise, que é o que lle preocupa aos cidadáns”. O candidato nacionalista centrou a campaña en Galiza e dixo que “o que os galegos e galegas escollen o domingo é o Goberno galego e non a un ministro en Madrid” polo que dixo, “o BNG vai falar dos problemas do país e das solucións a eses problemas” e non de “enredos cortesanos”.

“PP e PSOE están á gresca e a lea continua no Estado: dimiten, espíanse, denúncianse, van de caza, fan de todo menos facer propostas para Galiza porque uns e outros levan toda a campaña máis pendentes de Madrid que de Galiza”, afirmou Fernando Blanco, que dixo que “nesta campaña só o BNG fixo propostas”. “Nesta campaña no campo das ideas e no campo das propostas o BNG gaña por goleada, porque só o BNG está a facer propostas; os demais o que fan é pelexarse por cousas de Madrid”, remachou o cabeza de lista do BNG.

“O BNG vén á Mariña cos deberes feitos”

Nunha Sala Bahía ateigada de xente, Fernando Blanco afirmou que el vén á Mariña “cos deberes feitos”. “Non coma outros, dixo, que “só veñen en campaña electoral a pescar votos”. O cabeza de lista do BNG citou actuacións acometidas polo BNG na Xunta nestes catro anos en Foz como o investimento de 2,2 millons de euros no Polígono Industrial, a creación dunha Galescola, a construción de vivenda pública, a promoción turística ou a rehabilitación da Rectoral de San Martiño para acoller un Museo Diocesano.

Fernando Blanco fixo referencia tamén ao servizo de Urxencias en Foz e dixo que “só o BNG mantivo sempre esta reclamación; outros apúntanse por momentos, que acostuman coincidir con eleccións”, criticou o candidato nacionalista. Fernando Blanco comprometeuse en Foz a dotar de maiores medios humanos e materiais o Hospital da Costa así como nos PAC e as Unidades de Atención Primaria, vencellado a un novo mapa sanitario na Comarca, que reduza as listas de espera, aumente o tempo de atención e racionalize a asistencia sanitaria.

O catastrofismo do PP

O candidato nacionalista referiuse tamén á estratexia do PP nesta campaña, que consiste, segundo Fernando Blanco, “en pintar un panorama catastrofista e desolador e en dicir todos os días que Galiza está moi mal”. O cabeza de lista do BNG referiuse a esta esta estratexia do PP como “política destrutiva” e contrapúxoa coa política do BNG: “nós temos confianza neste país e na xente deste país mentras que o PP píntao todo negro porque nunca confiou nos galegos e galegas”, afirmou Fernando Blanco.

O cabeza de lista do BNG por Lugo lembroulle a Alberto Núñez Feijóo que “nin está inmaculado nin acaba de chegar a isto” posto que, dixo Fernando Blanco, “tivo responsabilidade de Goberno durante moitos anos e mesmo foi xa vicepresidente da Xunta con Fraga”, polo que lle recomendou que “se todo está tan mal en Galiza como di o mellor que pode facer o señor Feijóo é mirarse ao espello porque atopará ao responsable desa situación”.

Exit mobile version