Site icon Crónica3.com A Mariña

Galicia ¿Bilingüe ou Monolingüe?

GALICIA ¿BILINGÜE OU MONOLINGÜE?

Por Celestino Pérez Recarey

Acabo de ler nun periódico de tirada nacional unhas declaracións da presidenta de Galicia Bilingüe na que propón tres vías de ensinanza no noso sistema educativo; unha na que impartan todas as clases en galego agás a materia de castelán; outra na que se dea todo en castelán, agás lingua e literatura galega, e unha terceira bilingüe cun reparto de equitativo materias.
Supoño que a señora presidenta é coñecedora de que esta proposta vai en contra do artigo 13 da Lei de Normalización Lingüística, aprobada durante o goberno de Fernández Albor no ano 1983, no que se di: Os alumnos non poderán ser separados en centros diferentes por razóns da lingua. Por se non o sabe, está a propoñer un modelo que, no ámbito lingüístico, se denomina modelo de segregación. Este modelo tende á conformación de dúas comunidades lingüísticas netamente separadas e, dado o dominio actual do castelán na sociedade, acentuaría a minorización do galego.
Así mesmo o modelo que este colectivo defende parece copiado do que se adoptou en Euskadi no ano 1983 e que agora acaban desbotar por ineficaz. Está demostrado que con este modelo non se conseguen individuos bilingües, que é un dos obxectivos que marca a nosa Lei: Ao remate dos ciclos en que o ensino do galego é obrigatorio, os alumnos coñezan este, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán.
Polo tanto, a escola é a responsable de conseguir alumnos e alumnas competentes nas dúas linguas oficiais de Galicia para que, unha vez conseguidas estas, serán as persoas as que libremente tomen a decisión de usar unha ou outra lingua. ¿Como pode unha persoa exercer o dereito de usar unha ou outra lingua se non ten a competencia necesaria para iso? A liberdade de escoller unha ou outra lingua só é verdadeira se partimos dun coñecemento equilibrado e un uso normalizado das linguas deste país.
A min dáme a impresión de que o colectivo Galicia Bilingüe escolleu mal o seu nome porque, coa súa arcaica e primitiva teoría, persegue un obxectivo que queren ocultar pero que facilmente se percibe: romper o consenso lingüístico deste país que tanto traballo levou conseguir e despois impoñer un modelo para que os seus fillos non se contaminen co galego. No fondo pensan: Yo no tengo nada en contra del gallego pero, ¿para que vale?. ¡Aínda hai moitos prexuízos que superar neste noso país! Creo que deberán ser máis claros, non enganar á sociedade e chamarse Galicia Monolingüe en Castelán.
Finalmente, o máis triste de todo, é que o Partido Popular apoie este tipo de extremismos que non van a ningún lado. Esperemos que despois de que remate a campaña electoral veña o sentidiño común.

Celestino Pérez Recarey Presidente do Forum Europeo de Administradores de Educación de Galicia. A Coruña

Exit mobile version