Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Rural aclara que o procesado do leite en po para axuda humanitaria rematou a finais de 2008

SANTIAGO .- A Consellaría do Medio Rural aclara que é “rotundamente falso” que o envío de 400 toneladas de leite en po como axuda humanitaria, fundamentalmente ás zonas afectadas polo ciclón Ike o pasado mes de setembro, se demorara durante medio ano, xa que o contrato de subministración deste produto asinouse no mes de outubro e os traballos de deshidratación non remataron ata mediados de decembro, debido á complexidade de procesar o elevado volume de leite líquido que se requiría nesta operación.

NOTA DE PRENSA:

MEDIO RURAL ACLARA QUE O PROCESO DE DESHIDRATACIÓN DO LEITE EN PO, CON DESTINO AXUDA HUMANITARIA, REMATOU A FINAIS DE 2008

* A Consellaría lembra que a encomenda desta subministración á empresa Euroserum Ibérica S.L. se iniciou no mes de outubro de 2008 e que a recepción do leite non se produciu ata finais de decembro, polo que é “rotundamente falso” que o envío se demorara durante medio ano.
* Así mesmo, garante a trazabilidade da materia prima e a súa orixe galega, como se pode comprobar nas guías das cisternas empregadas para o seu transporte a fábrica, e lembra que esta subministración contribuíu a aliviar a situación conxuntural existente naquel momento no sector lácteo galego.
* A Consellaría realizou a contratación deste servizo á única empresa radicada en Galiza que ten capacidade para procesar o volume de produción que se solicitaba desde a administración no menor prazo de tempo posible.

Santiago, 27 de febreiro de 2009.- A Consellaría do Medio Rural aclara que é “rotundamente falso” que o envío de 400 toneladas de leite en po como axuda humanitaria, fundamentalmente ás zonas afectadas polo ciclón Ike o pasado mes de setembro, se demorara durante medio ano, xa que o contrato de subministración deste produto se asinou no mes de outubro e os traballos de deshidratación non remataron ata mediados de decembro, debido á complexidade de procesar o elevado volume de leite líquido que se requiría nesta operación. En concreto, a data de recepción deste alimento, tal e como se constata na acta pertinente elaborada polos funcionarios deste departamento autonómico, foi o 17 de decembro de 2008, aínda que a dispoñibilidade efectiva do produto non se produciu ata finais de decembro, momento no que se realizou o pagamento da factura, logo da fiscalización da intervención de fondos da comunidade autónoma. Así pois, o envío desta axuda humanitaria non se puido iniciar ata comezos deste ano 2009.

En canto á trazabilidade e orixe da materia prima empregada, a Consellaría garante que o leite empregado procede de explotacións galegas, tal e como se pode comprobar nas guías das cisternas que se empregaron para o seu transporte ata a fábrica de procesado, e lembra que esta subministración contribuíu a paliar a situación conxuntural que padecía neses intres o sector lácteo galego, cunha sobreoferta deste produto no mercado. Tal e como se establecía no contrato, a materia prima foi sufragada de acordo cos prezos comerciais vixentes nese momento, co obxectivo de evitar distorsións nos prezos de mercado. Neste sentido, Medio Rural lembra que estas foron as dúas condicións que se estableceron na encomenda á empresa: a procedencia da materia prima de explotacións galegas e o abono da mesma a prezos de mercado. Así mesmo, o departamento autonómico indica que se optou polo leite en po, dado que é a mellor fórmula para o transporte deste alimento como axuda humanitaria, e porque ofrece as maiores garantías sanitarias e a maior durabilidade no tempo.

Por outra banda, a Consellaría lembra que a encomenda deste servizo se realizou “á única empresa con sede social en Galiza que se dedica industrialmente ao proceso de deshidratación de leite e que, polo tanto, era tamén a única que podía acometer a transformación deste produto no volume requirido (400 toneladas) no menor prazo de tempo posible”. Así mesmo, o contrato de subministración foi tramitado ao abeiro do procedemento de emerxencia, por razóns de interese humanitario, de acordo co previsto no vixente texto da Lei de contratos do sector público, sendo intervido pola Intervención Xeral da Xunta de Galiza e comunicado ao Consello da Xunta no prazo dos 60 días posteriores á realización do encargo, de acordo co previsto no citado texto legal.

Por último, a Consellaría lembra que, para a xestión do envío deste material humanitario, se estableceu un marco de colaboración coa Fundación Axencia Humanitaria de Galicia. Neste sentido, este ente realizou un primeiro envío a Haití de 48 toneladas de leite en po e, en breve, se fará outra distribución en Guatemala. Así mesmo, vén mantendo contactos coa Embaixada e con outros organismos cubanos encargados de xestionar as autorizacións da entrada deste produto na illa e a súa posterior distribución. A Fundación Axencia Humanitaria de Galicia asegura que este alimento lle será entregado aos damnificados, que a día de hoxe seguen a precisar axuda humanitaria para superar as consecuencias do ciclón Ike na súa vida diaria.

Exit mobile version