Site icon Crónica3.com A Mariña

No Entroido de Burela repartiranse 3.000 euros en premios

BURELA .- A programación do entroido de Burela que foi presentada esta mañá pola concelleira de Cultura, Neves Cando, da comezo o venres 20 de febreiro coa cea-baile que organiza a Sociedade Cultural Ledicia e que estará amenizada polo grupo La Clave na antiga praza de abastos. O sábado 21 estará adicado aos nenos e así na Praza da Mariña poderán gozar dun espectáculo de xogos, música e diversión a partires das doce da mañá e o domingo terán festa infantil de disfraces, organizada polos alumnos de 6º de primaria do colexio Vista Alegre. Os maiores tamén terá a súa festa ese día (o domingo) a partires das sete na antiga praza de abastos.

Xa o luns 23 de febreiro de 21:00 a 23:00 horas cinco charangas amenizarán coa súa música as rúas de Burela e ao remate haberá verbena na carpa instalada na Praza da Mariña que estará amenizada pola orquestra Abanico.

Día grande

O martes 24 de febreiro terá lugar o desfile de entroido a partires das 17:30 horas que sairá da rúa Ril e rematará na Praza da Mariña. Segundo explica Neves Cando “repartiremos 3.000 euros en premios ás mellores carrozas, grupos, parellas e individuais tanto para nenos como para adultos. O ano pasado participaron 2 carrozas, 20 grupos, 17 parellas e 40 persoas a título individual e agardamos que este ano se consolide e se incremente esa participación”. Despois do desfile haberá de novo verbena na Praza da Mariña a cargo da orquestra Cinema.

E o mércores terá lugar o enterro da sardiña a partires das 20:30 horas “un clásico en Burela que partirá do Campón e rematará na praia do Portelo co pregón de Xosé Lois López Rábade”. Neves Cando agarda “que todos estes actos sexan do gusto dos nosos veciños e veciñas e convidámolos a participar e a botarse a rúa todos estes días para gozar do ambiente do entroido de Burela”.

Neves Cando agradece “a participación de todas as asociacións, colectivos e empresas que colaboraron coas concellarías de Cultura e Turismo no deseño, realización e posta en marcha de todos estes actos de entroido”.

Exit mobile version