Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela ten interese nunha relación fluída coas asociacións de veciños

BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, mantivo nas últimas horas un encontro coa asociación de veciños O Vencello “para falar das obras que realizarán con cargo aos plans de cooperación coas comunidades veciñais da Deputación. Haberá obras no centro de día e nos camiños de Os Matos e Río Masma. Estivemos vendo un pouco todo isto e desde o Concello ofrecémoslles axuda nos detalles que poidan xurdir… e si non chegan as partidas que lles foron concedidas para a realización desas obras será o Concello o que consigne unha achega presupostaria”.

Llano engade que “tamén estivemos a analizar as 15 obras que se van facer con cargo ós fondos estatais de inversión e que xa foron aprobadas polo Goberno central e sobre as outras obras que se están a realizar no concello e que poden ocasionar algunhas molestias ós veciños. Díxenlles que as obras hai que facelas e que algunhas se retardaron un pouco por culpa do mal tempo que estamos a ter este inverno. Desde o Concello temos interese en que a relación coas asociacións de veciños sexa fluída”.

Intercambio coa Fonsagrada

Por outra banda, o rexedor acompañará o vindeiro domingo 8 de febreiro á Coral Polifónica de Burela na viaxe e posterior actuación que fará en A Fonsagrada e que “forma parte dun intercambio que imos manter entre as dúas vilas. Despois máis adiante será unha coral de A Fonsagrada a que veña a cantar tamén a Burela”.

Exit mobile version