Site icon Crónica3.com A Mariña

O cabeza de lista do BNG por Lugo visitou a factoría de Pescados Rubén en Fazouro

Nota de Prensa

FERNANDO BLANCO APOSTA POR ABRIR NOVOS MERCADOS EN EUROPA E NOS PAÍSES EMERXENTES PARA O PEIXE DA MARIÑA

Anuncia o apoio a iniciativas de transformación e comercialización, como a elaboración de pratos precociñados, que permitan fixar prezos estables durante todo o ano para as capturas do sector da baixura

O candidato nacionalista aposta por converter os portos de Burela e Celeiro “no referente do sector da pesca en todo o Cantábrico”
Foz, 17 de febreiro. O cabeza de lista do BNG pola provincia de Lugo, Fernando Blanco, avogou hoxe, durante unha visita esta mañá á factoría de Pescados Rubén en Foz, por “converter os portos de Burela e Celeiro na referencia pesqueira de toda a cornixa cantábrica”. Fernando Blanco anunciou que “o sector da pesca na Mariña tén aínda moito percorrido” e avogou por “avanzar nos eidos da transformación e comercialización”. Neste sentido, defendeu a aposta por novas formas de conservación e por “elaborar produtos precociñados que abran novos mercados ao peixe da Mariña en Europa e en países emerxentes”.
 
O candidato nacionalista insistíu na importancia do sector da pesca na comarca da Mariña, do que dependen 11.000 familias. Só nas empresas de transformación traballan neste momento, en plena campaña da xarda, 800 persoas, destacou Fernando Blanco, que explicou que “a existencia dun sector de transformación forte beneficiaría de xeito moi importante á baixura e a pesca de cerco porque lles garantiría aos barcos da Mariña un prezo estable durante todo o ano para as súas capturas”.

Fernando Blanco anunciou o seu apoio a iniciativas innovadoras que amplíen as perspectivas e posibilidades do sector extractivo, sobre todo naquelas especies de menor valor en lonxa e prezos máis fluctuantes e dependentes da tempada de capturas, como a xarda ou o chicharro. Neste sentido, o candidato nacionalista loubou as iniciativas de conservación e comercialización levadas a cabo por Pescados Rubén nestas especies de peixe azul e que están conseguindo facer chegar o produto a novos mercados exteriores tanto da Unión Europea como dos países do leste.

A liña de conxelado máis grande de todo o Estado

O candidato nacionalista, que visitou as instalacións de transformación de Pescados Rubén acompañado doutros membros da lista, como Manuel Parga e Balbino Fernández, valorou a importancia e as posibilidades de crecemento do sector da transformación e comercialización pesqueira, así como as posibilidades de xerar emprego e valor engadido. De feito, o cabeza de lista do BNG destacou que Pescados Rubén dá emprego a 170 traballadores e conta na factoría de Fazouro coa liña de conxelado máis grande de todo o Estado.

Fernando Blanco anunciou ademais o seu apoio a proxectos de investigación postos en marcha polas propias empresas do sector, como o que está a levar a cabo Pescados Rubén para a extracción de Omega 3 da visceración do peixe, e que xa conta nestes momentos con achegas financieiras da Consellería de Industria.

O Centro Tecnolóxico da Pesca de Celeiro

O cabeza de lista do BNG salientou tamén o traballo levado a cabo polo Centro Tecnolóxico da Pesca de Celeiro (CETPEC) do que, segundo dixo, hai motivos para sentirnos orgullosos como ferramenta tecnolóxica que opera nas áreas do produto, a comercialización e a enerxía e que en menos de catro anos desenvolveu máis de 20 proxectos que ocupa a máis de 30 tecnólogos. Blanco reiterou o compromiso do BNG co centro, polo que, segundo indicou, seguirá a traballar co obxectivo de convertelo no centro tecnolóxico de referencia no ámbito pesqueiro no conxunto de Galiza e do Estado.

O candidato do BNG aludiu ao proxecto de eco-comercialización posto en marcha pola Consellería de Industria no sector pesqueiro de Celeiro como un exemplo de proxecto que beneficia non só ao sector pesqueiro senón tamén ao consumidor final xa que co seu desenvolvemento conséguese unha maior rendibilidade da captura, unha mellora na calidade do produto, un sistema de explotación pesqueira con prezo estable baixo criterios de mercado no que se garante a sostenibilidade, e unha racionalización na explotación dos recursos.

Exit mobile version