Site icon Crónica3.com A Mariña

Protestas e responsabilidades

PROTESTAS E RESPONSABILIDADES

Por Emilio González Legaspi

Sempre protestan os mesmos. O neno rico que ten a pelota impón as súas normas de xogo e cando empeza a perder enfádase, retira a pelota, e failles sentirse aos demais culpables; logo cambia as normas ao seu xeito e pon as condicións para continuar a partida. Aos que non teñen pelota non lles queda máis remedio que aceptar submisos ou arrancarlle o medio de xogo. Pero sempre hai un primo matón que lle axuda para gañar os seus favores. Sempre apandan os mesmos.

Todos protestan pola crise, pero ninguén se sente responsable de consentir e promocionar durante tanto tempo situacións de descontrol económico. Dende os medios de comunicación, influídos ou controlados por entidades financeiras e poderes oligárquicos, calaron as voces críticas e promocionaron as ideoloxías ultraliberais e neocom. Dende os mesmos medios apoiáronse políticas insolidarias e masacres humanas para espoliar petróleo e riquezas de todo tipo nos países dos que proveñen as inmigracións masivas. Non debemos esqueces que os humanos poboaron todas as terras en busca de sustento.

Algúns protestan pola clase política e os seus métodos de goberno, sobre todo cando non os benefician a eles. Acúsanos de exerceren o populismos, o clientelismo e o favoritismo, pero cando repartían beneficios , achegas e campañas publicitarias cos cartos públicos os cualificativos trocábanse en prestixiosos defensores do ben público e en xestores obxectivos. Ninguén é responsable disto. A sociedade acábase contaminando dos comportamentos dos seus dirixentes e dáse o paradoxo de elixir con maioría absoluta a alcaldes, presidentes e parlamentarios implicados en procesos de corrupción.

Uns poucos protestan polas obras faraónicas sen contidos, coma o Gaiás, pero son tomados por intolerantes e miopes que non queren ver o beneficio para o pobo. En ningures aparecen os nomes dos responsables que proxectan, controlan e executan ese tipo de obras a costa dos cartos de todos, pero dos que só uns poucos se benefician. E dáse tamén a choqueira situación na que dende a oposición critícanse este tipo de obras, e cando se acada o goberno fanse outras máis grandes ou continúase reiterando os mesmos erros. Este comportamento está xustificado porque os cidadáns seguimos mercando a incoherencia elección tras elección.

Uns protestan porque outros piden o dereito a usar o seu idioma normalmente, e os verdugos fanse as vítimas e desfiguran a realidade para que os da lingua minorizada teñamos que sentirnos culpables. E ninguén quere asumir a responsabilidade da situación. Mentres eu non podo atopar un xornal diario no meu idioma, non podo oír unha radio na miña lingua, non podo ver máis que unha canle de televisión que fala unha cousa parecida á miña lingua, teño que apandar con formularios en castelán na maioría das administracións públicas, non podo ver un anuncio en galego, e por riba aínda me teño que sentir culpable… ¡mexan por un e hai que dicir que chove!. Esta sentencia filosófica só a debemos ter os galegos, froito da nosa baixa autoestima e consecuencia da secular paranoia de autoodio que padecemos. ¿Onde estará o psiquiatra que nos cure?

Hai quen protesta pola avaricia de empresas, dos bancos, dos dirixentes políticos, polas inxustizas da xustiza -¡que paradoxo!-, polas débedas dos clubs de fútbol. Pero en todos os casos teñen que facerse responsables os indefensos contribuíntes que dos seus impostos saen moreas de millóns de euros para salvar empresas inviables, bancos incompetentes, xuíces irresponsables e dirixentes avarentos e cobizosos. Esta situación foi promocionada dende todos os medios de comunicación e dos poderes públicos que foron creando unha sociedade civil individualista, hedonista, consumistas, medoñenta e enfrontada ideoloxicamente. Unha sociedade na que todos protestan polo uso dos seus dereitos e onde ninguén cumpre os seus deberes. Unha sociedade inerme, aterecida, desestruturada, desilusionada, apática.

Por todo isto, hoxe síntome responsable de pasar tanto tempo sen protestar.

Exit mobile version