Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo e Mondoñedo acollerán o congreso “O Camiño de Santiago para o século XXI. O Camiño do Norte”

RIBADEO / MONDOÑEDO .- (FNC) Mondoñedo e Ribadeo acollerán a partires de mañá o congreso O Camiño de Santiago para o século XXI. O Camiño do Norte. No evento vanse intercambiar puntos de vista, ideas e proxectos relacionados co presente e co futuro desta ruta xacobea, unha das que proporcionalmente máis medrou nos últimos anos. No congreso que organiza a Consellería de Innovación e Industria participarán especialistas, amigos do Camiño e representantes de distintas administracións.
O 19 de febreiro celébrase a primeira sesión en Mondoñedo. Denomínase O Camiño para o peregrino, dará comenzo coa conferencia inaugural ás 11:45 horas e rematará cun concertó na Catedral ás 20:00 horas.
O 20 de febreiro están prevista a segunda e a terceira sesións deste congreso en Ribadeo que versarán sobre O patrimonio cultural e ambiental e O Turismo. Xa o sábado 21 de febreiro en Ribadeo presentaranse un informe sobre o estado do Camiño do Sueste en Galicia e unha película de animación para escolares sobre o Camiño do Norte e ademáis haberá unha mesa redonda sobre O Códice Calixtino en galego. O galego do Códice Calixtino.
O congreso rematará o 4 de marzo cunha visita de estudo ao Camiño do Norte. Os participantes sairán en barco desde o peirao de Ribadeo, cara a Figueras (Castropol) dirixiránse a Vegadeo-Abres-Trabada e visitarán despois as igrexas da Ponte (Arante) e de Vilanova de Lourenzá, a Catedral de Mondoñedo e a Basílica-Catedral de San Martiño de Mondoñedo (Foz).
Exposición en Ribadeo
Como actividade paralela desenvolveráse unha exposición fotográfica O Camiño do Norte. Desde Saint Jean de Luz a Santiago, que se poderá ver no Parque San Francisco de Ribadeo desde o 20 de febreiro ata o 22 de marzo.
O evento está organizado pola Consellería de Innovación e Industria a través da Dirección Xeral de Turismo e a S.A de Xestión do Plan Xacobeo e colaboran a Universidade de Santiago, os Concellos de Mondoñedo e Ribadeo e o Centro de Desenvolvemento Comarcal da Mariña Central.

Exit mobile version