Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo e Mondoñedo acollerán o congreso O Camiño de Santiago para o século XXI

RIBADEO (FNC) .- Mondoñedo e Ribadeo acollerán a partires da vindeira semana o congreso O Camiño de Santiago para o século XXI. O Camiño do Norte. No evento vanse intercambiar puntos de vista, ideas e proxectos relacionados co presente e co futuro desta ruta xacobea, unha das que proporcionalmente máis medrou nos últimos anos. No congreso que organiza a Consellería de Innovación e Industria participarán especialistas, amigos do Camiño e representantes de distintas administracións. A inscrición é gratuíta e os interesados que deben apuntarse antes do 18 de febreiro poden facelo na seguinte dirección de correo electrónico: promoción.cultural@xacobeo.org

O 19 de febreiro celébrase a primeira sesión en Mondoñedo. Denomínase O Camiño para o peregrino, dará comezo coa conferencia inaugural ás 11:45 horas e rematará cun concerto na Catedral ás 20:00 horas.

O 20 de febreiro están prevista a segunda e a terceira sesións deste congreso en Ribadeo que versarán sobre O patrimonio cultural e ambiental e O Turismo. Xa o sábado 21 de febreiro en Ribadeo presentaranse un informe sobre o estado do Camiño do Sueste en Galicia e unha película de animación para escolares sobre o Camiño do Norte e ademais haberá unha mesa redonda sobre O Códice Calixtino en galego. O galego do Códice Calixtino.

O congreso rematará o 4 de marzo cunha visita de estudo ao Camiño do Norte. Os participantes sairán en barco desde o peirao de Ribadeo, cara a Figueras (Castropol) dirixiranse a Vegadeo-Abres-Trabada e visitarán despois as igrexas da Ponte (Arante) e de Vilanova de Lourenzá, a Catedral de Mondoñedo e a Basílica-Catedral de San Martiño de Mondoñedo (Foz).

Exposición

Como actividade paralela desenvolverase unha exposición fotográfica O Camiño do Norte. Desde Saint Jean de Luz a Santiago, que se poderá ver no Parque San Francisco de Ribadeo desde o 20 de febreiro ata o 22 de marzo.

O congreso O Camiño de Santiago para o século XXI. O Camiño do Norte conta cun crédito de libre elección ao que poden acceder todos os alumnos da Universidade de Santiago de Compostela. Os interesados poden obter máis datos na páxina www.xacobeo.org

O evento está organizado pola Consellería de Innovación e Industria a través da Dirección Xeral de Turismo e a S.A de Xestión do Plan Xacobeo e colaboran a Universidade de Santiago, os Concellos de Mondoñedo e Ribadeo e o Centro de Desenvolvemento Comarcal da Mariña Central.

Exit mobile version