Site icon Crónica3.com A Mariña

Últimos tramites para que a Comisión Europea inclúa a faba de Lourenzá como producto protexido

LOURENZÁ .- O Diario Oficial da Unión Europea publicou a solicitude de rexistro da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, abrindo unha “fase de oposición” de seis meses para a recepción de alegacións. Paso este tempo a Comisión Europea xa poderá aprobar mediante regulamento a inclusión deste feixón na lista de productos protexidos.

Nota de Prensa

A FABA DE LOURENZÁ INICIA O TRÁMITE PARA A INCLUSIÓN NA LISTA DE PRODUTOS PROTEXIDOS CON SELO DE CALIDADE DA UNIÓN EUROPEA

?    O Diario Oficial da Unión Europea publica hoxe a solicitude de rexistro desta IXP, abrindo unha “fase de oposición” de seis meses para a recepción de alegacións, tras a cal a Comisión Europea xa poderá aprobar mediante regulamento a inclusión deste feixón na lista de produtos protexidos.

?    A última colleita de Faba de Lourenzá xa foi comercializada baixo o selo da I.X.P. dentro do ámbito estatal, xa que no mes de agosto do pasado ano fora aprobada a protección transitoria para este produto.

Santiago, 16 de febreiro de 2009.- O Diario Oficial das Unión Europea publica hoxe o regulamento sobre a protección da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, abrindo un período de seis meses de exposición para que calquera entidade, empresa ou particular do territorio da Unión Europea poida presentar algún tipo de alegación ao prego de condicións recollido na publicación. Deste xeito, iníciase o paso previo para o rexistro desta nova I.X.P. na lista de produtos europeos protexidos con selo de calidade. Transcorrido o prazo estipulado de seis meses, de non presentarse ningunha alegación, a Comisión Europea xa poderá aprobar o regulamento para a inclusión da Faba de Lourenzá no citado rexistro.

Hai que lembrar que a Consellaría do Medio Rural xa aprobara no pasado mes de agosto a protección transitoria que permite a comercialización deste feixón co selo de Indicación Xeográfica Protexida dentro do Estado español, polo que a pasada colleita xa saíu ao mercado baixo o selo de calidade certificado polo Instituto Galego da Calidade Alimentaria. Naquel momento tamén se constituíra un Consello Regulador provisional formado por tres vogais do sector produtor e tres polo sector industrial e presidido por Gemma Iglesias Recalde.

Hai que lembrar que a área de produción desta indicación xeográfica protexida abarca o territorio costeiro da provincia de Lugo -a Mariña Lucense- que engloba os concellos de Alfoz, Barreiros,  Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove. A Faba de Lourenzá protexida pola I.X.P. pertence á variedade local “faba galaica” e presenta unhas calidades específicas que a diferenza doutros produtos da mesma especie vexetal, debido ás condición edafolóxicas e climáticas da zona e ás técnicas tradicionais de cultivo mediante as que se produce a faba. Este feixón de tamaño grande ten unha elevada capacidade de absorción de auga e un excepcional comportamento en cocción.

Exit mobile version