Site icon Crónica3.com A Mariña

Volver ao rego

VOLVER AO REGO

Por Emilio González Legaspi

Os maiores da zona rural saben o que é volver ao rego. Os novos poida que vivan nunha vila esquecidos da súa historia máis inmediata. Había que volver ao rego cando o arado se apartaba da liña de labor, ben por despiste de quen manexaba a rella do arado, ben porque o animal de tracción saía do rego. Era necesario que os sucos estivesen ben feitos para aproveitar o terreo e a semente. Había unha visión de futuro para sacar o maior beneficio co menor custe posible. A natureza ensinara durante milenios a realidade do seu funcionamento e os homes aprenderan que era necesario esforzarse para saír adiante na vida.

Levamos un tempo arando ao chou. Moita inxería financeira, moita economía virtual, moita educación para consumir, moitos cartos de balde, moitos coches potentes para morrer nas estradas. Ás veces a morte tamén e un negocio. Moita tecnoloxía infantil, televisores de plasma para ver representacións da realidade. Modelos de vida soñados imposibles de realizar. Frustracións amortecidas con medicacións de altos dividendos. Se non es feliz é porque es parvo. Non fai falla traballar nin gañar un bo soldo, o importante é ter un banco cerca. A nova moeda de cambio e a terra en forma de ladrillo. Impóñense outros principios sociais baseados na usura, prevaricación, trampas, ilegalidades, recalcificacións, individualismo, guerras, fame, intransixencia… A ficción volveuse realidade até tal punto, que as eleccións e o ascenso político gañábase con promesas virtuais. Aínda recordo as penúltimas eleccións municipais que os meu paisanos votaron maioritariamente por un programa baseado en carteis con deseños idílicos que a maxia da realidade fixo inviables.

E agora que se acabaron os caramelos, o corpo segue pedindo azucre e choramos porque estamos en crise. ¡Que dura é a realidade, coño! ¿Onde van aqueles magos que nos viñan prometer a ponte sen río?. Pois parece ser que andan outra vez vendendo fume. Estamos na precampaña e todos queren imitar a Obama, e non fan máis que un remedo esperpéntico e as máis das veces o ridículo. Seguen repetindo a lección de sempre e desilusionando a maioría da poboación. Discursos caducos, frases desgastadas e anacrónicas. Contradicións entre os ditos e os feitos que tratan de disimular coa tramoia da posta en escena. Insultos á intelixencia e á memoria da audiencia crítica, aínda que sexan aplaudidos polos seareiros incondicionais. Non se dan conta que nestes momentos hai moitos cidadáns que queren coñecer a realidade e escoitar propostas ilusionastes.

A realidade é moi teimuda e a natureza das cousas indolente. Necesítase motivación, emoción, sinceridade, ética. Necesítase ceibar un montón de virtudes positivas que foron agochadas no cárcere da soberbia e da avaricia. Para iso hai que romper ataduras, ser valente, falar dende o convencemento, apoiar os máis necesitados, educar co exemplo, animar, chegar ao corazón da xente, para que se erga en busca dunha sociedade nova, para rachar coas rellas da gaiola mental desta sociedade mediática e ilusoria e reconquistar a liberdade e a autoestima. Hai que volver ao rego.

Exit mobile version