Site icon Crónica3.com A Mariña

A asociación xuvenil A Sombriza organiza un torneo de paint-ball en San Cibrao

CERVO .- A asociación cultural “A Sombriza” organiza para o sábado 28 de marzo un torneo de paint-ball en San Cibrao. Desde o colectivo xuvenil cervense convidan aos mozos e mozas con 16 anos ou máis a participar nesta actividade dun xeito totalmente gratuíto. Para elo deberán formar grupos de sete xogadores ou de catorce (7×7) que poderán enfrontarse entre si, e remitir -o antes posible- a relación dos compoñentes do equipo a través dun correo electrónico dirixido ao seguinte enderezo asombriza@yahoo.es

Nunca antes foi posible participar nun xogo destas características en San Cibrao. Para aqueles que non o coñezan o Paintball é unha actividade lúdica pola que dous equipos se enfrontan entre si disparándose bolas de pintura cunha pistola de aire comprimido. No momento no que o xogador quede marcado, estará fora de xogo e non pode continuar a partida. A velocidade dos xogadores e a súa habilidade, aproveitando os distintos obstáculos distribuídos polo campo do xogo, ofrecen un gran espectáculo.

O escenario do xogo será a área recreativa da Atalaia, dentro dun espazo móbil disposto para os distintos enfrontamentos, incluída unha rede que evitará a saída das bolas fóra da zona de xogo. Dentro deste espazo situaranse os distintos obstáculos de competición con diferentes formas. Os participantes deberán aproveitar estes obstáculos para crear as súas estratexias e eliminar aos xogadores contrarios con tiros de pintura

Desde a organización emprazan a aquelas persoas interesadas a conformar canto antes a súa inscrición xa que existen prazas para un máximo de 10 equipos. Está previsto que esta actividade comece a partir das 14.30 horas. Xogaranse máis de 30 partidas e dispararanse máis de 10.000 bolas de pintura. Por certo, todas elas, fabricadas cun colorante no tóxico e cen por cen biodegradables.

Exit mobile version