Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela conmemora o día das mulleres cunha charla coloquio

BURELA(FNC) .- Burela conmemora o día internacional das mulleres que se celebra o vindeiro 8 de marzo cunha charla coloquio que se desenvolverá mañá venres ás 19:00 horas no salón de plenos da Casa do Concello. A delegada de Igualdade, Neves Cando, di que “queremos reflexionar este ano sobre o traballo das mulleres de hoxe, como se presenta o mercado laboral para as mulleres unha vez que rematan os seus estudios e se deciden a traballar, cómo se leva hoxe en día o de traballar fora e dentro da casa e qué problemas e qué expectativas de traballo hai para as mulleres neste momento”.

No salón de plenos do Concello de Burela falarán catro mulleres novas que desenvolven a súa actividade laboral en catro campos moi diversos. Participarán na charla coloquio: Alicia Carballedo, xornalista e delegada do xornal El Progreso na Mariña “que falará da súa experiencia á fronte do equipo de xornalistas de Burela”; Teresa Quelle, mestra e directora da galescola de Burela “que ten unha ampla experiencia laboral no mundo do ensino e que tamén percibe de primeira man o que supón o acceso ao traballo das mulleres-nais que levan aos seus fillos e fillas á nosa escola infantil”; Dores Santos, empresaria de Burela “que despois de ter traballado fora se incorporou ao negocio familiar para desenvolver alí a súa faceta laboral” e Rosana Carballés, fisioterapeuta e xogadora do Burela F.S femininio “que nos contará como se combina a actividade laboral coa deportiva e cómo está o escenario laboral para as mulleres máis novas sobre todo agora nestes momentos de grande crise económica”.

Neves Cando sinala que “se trata dunha homenaxe a todas as mulleres de Burela que hoxe en día saen adiante nos seus traballos e contribúen a que o camiño da igualdade real se vai facendo entre todos e todas. Convidamos aos veciños a que asistan a este acto que será tan entrañable coma o foi o do ano pasado”.

Balance do ano pasado

A edil nacionalista lembra que “no 2008 organizamos unha charla de lembranzas das nosas mulleres traballadoras onde cinco mulleres de Burela nos falaron das súas condicións laborais hai 50 anos e vimos como da man destas e doutras moitas mulleres e do seu traballo se foron levantando a escola e as fábricas do noso pobo e vimos tamén como o concepto de conciliación da vida laboral e familiar xa estaba máis que inventado daquela. Foi o ano pasado unha fermosa homenaxe a todas as mulleres de Burela que no seu traballo dentro e fora da casa sacaron adiante ás familias e puxeron as bases para o crecimento económico do noso pobo”.

Exit mobile version