Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela ten listo o proxecto de mellora do polígono do Perdouro

BURELA (FNC) .- A comisión de urbanismo de Burela analizará mañá o proxecto de normalización e ordenación do polígono industrial do Perdouro que o Concello lle encargou á empresa Urbalia. O alcalde, Alfredo Llano, explica que “o venres pasado recibimos aquí no Concello o traballo realizado pola empresa Urbalia, encargado por nós e subvencionado pola Deputación Provincial, sobre a mellora que queremos consolidar no polígono industrial de O Perdouro. É un documento previo á aprobación inicial e nel ven reflectido unha serie de planimetrías, de levantamentos topográficos, de planificacións e ordenacións… todo o que trae consigo un ordenamento global de toda esta zona que queremos potenciar coma polígono industrial comercial”. O rexedor burelés engade que “do que se trata é de facer unha ordenación que leve consigo un aproveitamento óptimo do solo que queda por construir alí que veñen sendo de 19 a 24.000 metros cadrados. Hai que facer moitas dotacións, vánse incrementar moito os aparcamentos, haberá equipamentos comerciais e sociais, zonas de parque forestal… leva unha serie de dotacións que agardamos que sexan moi boas e que este espacio gane moito con esta ordenación”.

Llano sinala que “na comisión de urbanismo na que están presentes todos os grupos políticos que teñen representación no Concello falaremos mañá deste proxecto e xa a vindeira semana (si é posible) quero reunirme cos propietarios de suelo daquela zona para explicarlles un pouco como será o desenvolvemento deste novo proxecto. Xa digo que se trata de optimizar, normalizar e ordenar aquela zona para uso comercial e industrial e agardo que con esta actuación ese polígono gane moitísimo tanto en dotacións, como en servizos, melloras ou valores económicos. É un proxecto que se vai potenciar a partires de agora e agardo que sexa unha realidade en pouco tempo”.

Nova RPT

Por outra banda, o alcalde de Burela, manifesta que “en datas pasadas xa fixemos un convenio coa Deputación de Lugo para traballar en cuestións internas do Concello coma os recursos humanos e hoxe comezamos a traballar na elaboración dunha nova RPT e noutras cuestións organizativas que teñen que ver co mellor funcionamento do Concello sempre pensando en ofrecer o mellor servicio aos cidadáns. Estamos traballando nunha definición clara dos traballadores que hai aquí, para eso estamos a elaborar unha nova RPT que parte da que temos na actualidade, pero tentamos mellorala en todos aqueles puntos posibles. É unha labor que suporá realizar entrevistas co persoal funcionario e eventual para tentar facer con todo o rigor unha nova relación de postos de traballo”. Alfredo Llano agarda que “a finais deste mes ou principios do vindeiro mes de abril estea case finalizada”.

Exit mobile version