Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo celebra o día da muller traballadora con teatro e música

CERVO .- O concello de Cervo considera que a mellor forma de celebrar o día internacional da muller traballadora é convidando a todas e todos a gozar do mundo da arte no seu tempo de lecer. A concellaría de Muller do Concello de Cervo organiza un amplo programa de actividades co teatro e a música popular como principais protagonistas.

TEATRO

O sábado 7 de marzo o grupo de teatro afeccionado O BORDELO representará a súa obra O ESPELLO DO PRESTAMISTA. Escrita e dirixida por Francisco Piñeiro quere ser unha visión satírico-popular da crise económica actual. Conta a historia da xente honrada, que se esforza, que traballa, e que comeza a estar farta de vivir sempre empeñada, coa conseguinte dificultade de chegar a fin de mes. Interpretada por Dolores Viamonte Rey, María Paz Rodríguez Silva, Antonio González -Patoso-, Xosé Manuel González -Copa- e Francisco Piñeiro é a primeira vez que se representa en San Ciprián tras o seu estreo o pasado 5 de xaneiro no Auditorio de Sargadelos. A actividade comezará ás 20 horas no Auditorio da Casa da Cultura de San Ciprián.

RECITAL DE MÚSICA POPULAR

O día seguinte será a quenda da música coral grazas ao recital que correrá a cargo do coro de San Pedro de Cagas e a Coral Terra Mar de San Ciprián. Ambas formacións interpretarán pezas moi destacadas da música popular. O recital dará inicio ás 19.00 horas do domingo 8 de marzo, data na que se conmemora en todo o mundo o día da muller traballadora-. Unha celebración que une ás mulleres de todo o mundo e a todas aquelas persoas concienciadas na loita a prol da igualdade, a xustiza, a paz e o desenvolvemento.

Exit mobile version