Site icon Crónica3.com A Mariña

Cultura e Educación de Burela conmemoran o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

BURELA (FNC) .- O Concello de Burela súmase á celebración, o vindeiro xoves 2 de abril, do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. A edil de Educación, Lucía Bouza, sinala que “nesta data conmemórase o aniversario do nacemento do célebre escritor Hans Christian Andersen e decidimos este ano celebrar tamén este día”.

A Delegación de Cultura, a través da Biblioteca Pública Municipal e a Delegación de Educación e Medio Ambiente, a través do Centro de Educación Ambiental Gaia, organizan esta actividade na que poderán participar todos aqueles nenos e nenas que o desexen e que teñan de 3 e 9 anos. Bouza manifesta que “a actividade, que estará dinamizada con contacontos, xogos de animación á lectura e fichas didácticas, desenvolverase entre as 18:00 e as 19:00 horas, na biblioteca pública municipal. Alí poden xa anotarse todos os nenos que queran participar con nós nesa xornada. Ademais, todos os que acudan recibirán un agasallo relacionado co mundo do libro”.

A concelleira de Educación anima “a todos os pais a que traian aos seus fillos a participar nesta actividade porque é moi importante fomentar un hábito tan bo e tan saudable como é o da lectura”.

Exit mobile version