Site icon Crónica3.com A Mariña

Entidades e institucións conmemoran o Día Internacional da Muller

Antisufraxistas nos Estados Unidos

A MARIÑA .- Entidades e institucións conmemoran nestes días con actos diversos o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Con este motivo a Xunta de Galicia fixo unha declaración institucional na que ” a aposta polas mulleres do noso país para que nestes novos tempos o camiño marcado non sexa desandado e a igualdade de oportunidades sexa, á fin, unha realidade”. Tamén concellos e entidades de A Mariña organizaron actos conmemorativos nestes días.

Nota de Prensa

Declaración institucional en conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller

Santiago, 8 de marzo de 2009.- A plena participación da muller na vida política, civil, económica, social e cultural en condicións de igualdade e a erradicación de todas as formas de discriminación baseadas no sexo son obxectivos prioritarios da comunidade internacional, e por ende, da comunidade galega.

En concordancia con estes obxectivos, o compromiso da Xunta de Galicia coa igualdade e o emprego das mulleres galegas viuse plasmando a través das actuacións e iniciativas levadas a cabo nestes últimos anos. Así, a Lei do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, e as posteriores normas de desenvolvemento dos seus postulados, dotaron as mulleres galegas de instrumentos para que esta igualdade sexa efectiva.

Así mesmo, as medidas concretas acordadas no proceso de Diálogo Social, en materia de emprego e relacións laborais, buscan desenvolver un conxunto de liñas de acción política, informadas polo concepto de transversalidade, co obxectivo último de rematar coas discriminacións salariais e de calquera outro tipo da muller traballadora.

A sociedade galega conta, polo tanto, con canles e medios de recoñecemento para que as mulleres galegas, que dende tempos remotos vían como os seus dereitos non eran recoñecidos en condicións de igualdade, os fagan agora efectivos.

As políticas públicas postas en marcha na nosa comunidade destinadas a favorecer a incorporación igualitaria das mulleres no mercado laboral, a pesar do avance que supuxeron, precisan, máis ca nunca, que continuemos incidindo neste ámbito, porque o panorama que se nos presenta evidencia esta necesidade, xa que, nestes tempos onde a crise incide nas empresas e, como consecuencia, aos traballadores e traballadoras, necesitamos que os logros acadados, nos sexan esquecidos e que non sexa a muller, unha vez máis, a que sufra máis directamente as consecuencias desta situación. Polo tanto, debemos persistir no novo modelo económico e social onde o concepto de igualdade real e efectiva e o de plena incorporación de homes e mulleres sexan o elemento clave de produtividade e eficiencia.

Unha sociedade moderna e avanzada, como a galega, non pode nin debe deixar de contar coa contribución dunhas mulleres, as galegas, formadas e capacitadas, que supoñen máis do 50% da nosa poboación.

Por todo isto, faise necesario continuar potenciando actuacións para acadar a igualdade no ámbito laboral: igualdade en canto ao salario e calidade do emprego; a promoción de políticas para fomento da igualdade nas empresas; a posta en marcha de campañas informativas e de sensibilización e medidas conciliación da vida laboral e persoal.

Reafirmamos así, desde a Xunta de Galicia, a aposta polas mulleres do noso país para que nestes novos tempos o camiño marcado non sexa desandado e a igualdade de oportunidades sexa, á fin, unha realidade.

Exit mobile version