Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez pide axuda á ministra de Medio Ambiente para a protección da praia das Catedrais

RIBADEO .- (FNC) O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, ven de enviarlle un escrito á ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Marino, Elena Espinosa, no que demanda axuda para a protección do monumento natural da praia de As Catedrais.

Na carta o rexedor ribadense di que “polo titular desta alcaldía, seguindo coas xestións que xa foron iniciadas polo meu predecesor no cargo, Balbino Pérez Vacas, quérolle manifestar a grave preocupación que existe neste Concello respecto á situación que se ven producindo durante os veráns no entorno da praia de As Catedrais. Como é sabido e coa colaboración dese Ministerio viñéronse realizando importantes obras e traballos para a posta en valor do monumento natural da praia e na práctica eso traducíuse nun fenómeno positivo (a afluencia masiva de visitantes e o disfrute sostible de toda a zona), pero cun problema colateral que é que se pode producir un deterioro de certas zonas se non se produce unha actuación pública”. Suárez Barcia segue a sinalar nese escrito que “neste sentido polo Concello pedíuse a través da Xefatura Provincial de Costas de Lugo a adquisición dun conxunto de terreos nese ámbito que sería convinte adquirir para preservar unha das zonas de dominio público marítimo-terrestre máis privilexiadas do litoral tanto polas súas características paisaxísticas ou a súa conformación xeomorfolóxica e seu alto grao de interés turístico”.

O alcalde de Ribadeo engade que “se trataría de adquirir eses terreos e de construir un sendeiro que permita o tránsito peatonal e a contemplación panorámica da costa engadindo o tratamento das superficies resultantes. O obxectivo pretendido en última instancia tamén contempla que para protexer debidamente o dominio público marítimo-terrestre e a zona interesada se dispoña dunha zona barreira entre o mesmo e as zonas de actividade privada, xestionada con criterios de interés xeral. Ese obxectivo parece ser entendido por moitos titulares, a práctica totalidade que estarían dispostos a efectuar a venda dos terreos. Por ese motivo se solicitou a adquisición deses terreos para os fins descritos e a súa inclusión no dominio público marítimo-terrestre e o tratamento medioambiental procedente de aproximadamente 150.000 metros cadrados”.

Fernando Suárez lembra que “transcorridos sete meses desde a petición efectuada carécese por esta alcaldía de máis datos e avecíñase a tempada de Semana Santa e o período estival e as visitas masivas e sería importante para esta Entidade Local coñecer si existe unha vontade de levar adiante a adquisición polo Ministerio e no seu caso ofrecer a colaboración material deste Concello xa que a económica é imposible nestes momentos. En virtude do manifestado quixera reiterar pola presente a solicitude de que pola Dirección General de Costas se adquiran eses 150.000 metros cadrados para a súa inclusión no dominio público marítimo-terrestre e levar adiante o tratamento medioambiental procedente”.

Exit mobile version