Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG cita para manifestarse o 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega

A MARIÑA .- A Confederación Intersindical Galega desenvolverá o 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, mobilizacións na comarca “na defensa do emprego e as prestacións sociais”. No programa de mobilizacións atopase a celebración dunha asemblea concentración de delegados de Alcoa e fábricas auxiliares na entrada da empresa principal as doce e media da mañá.

NOTA DE PRENSA:
A central desenvolverá, con motivo do Día da Clase Obreira Galega, mobilizacións en todas as comarcas

Coa CIG na rúa o 10 de Marzo “na defensa do emprego e as prestacións sociais”

“En defensa do emprego e as prestación sociais” será o lema baixo o que a CIG vai desenvolver este ano a campaña do Día da Clase Obreira Galega. O vindeiro 10 de marzo a central convoca aos traballadores e traballadoras a participar nas concentración e manifestacións organizadas en cada unha das comarcas na defensa dos postos de traballo. Ademais, o 11 de Marzo farase entrega en Compostela do premio co que a central quere recoñecer publicamente aquela loita dos traballadores e traballadoras que sobresaíra durante o ano anterior polas súas características e por servir de exemplo para o futuro.

Como cada ano, a CIG ten organizadas mobilizacións para conmemorar o Día da Clase Obreira Galega, reivindicar melloras para os traballadores e traballadoras e lembrar os feitos que marcaron aquel histórico ano 1972. A central viña organizando habitualmente mobilizacións nas cidades de Ferrol e Vigo, aínda que, nesta ocasión, dada a gravidade da crise económica, a CIG decidiu ampliar os actos a todas as comarcas.

Desta volta as reivindicacións céntranse nos dous temas prioritarios que máis preocupan á clase traballadora neste momento: a caída do emprego e a garantía das prestacións sociais. Ás elevadas taxas de destrución de emprego que se veñen rexistrando nos últimos meses na Galiza, e que afectaron fundamentalmente aos/ás contratados/as a tempo parcial súmanselle agora tamén o perigo do emprego estábel. Hai ameazas serias de EREs, principalmente suspensións temporais, pero se a crise non se arranxa nun período curto comezarán a incrementarse os expedientes de extinción de emprego.

Ligada a esta características do emprego en tempos de crise atópase a cuestión das prestacións sociais. Dende a CIG esíxese ás administracións que garantan a ampliación do dereito á cobertura das prestacións sociais, xa que o elevado número de traballadores e traballadoras que pasan ao desemprego logo dun contrato a tempo parcial, provoca que as prestacións sexan por períodos breves. Neste contexto resulta imprescindíbel retomar unha vella reivindicación da CIG: a creación do salario de inserción social, como recurso de auxilio até a incorporación de novo ao mundo do traballo. Nunha data tan significativa corresponde aos traballadores e traballadoras deste País sentar as novas bases de solidariedade e dereitos no traballo.

Programa de mobilizacións:

A Mariña: Asemblea-concentración de delegados de Alcoa e fábricas auxiliares na entrada da empresa principal as 12:30h.

Ferrol: manifestación ás 20 horas dende o local da CIG (Avda. do Esteiro).

Vigo: manifestación ás 20:00 horas dende a Vía Norte.

A Coruña: concentración ás 12:00 e posterior manifestación até a Delegación do Goberno.

Compostela: concentración ás 11:30h na Praza de Galiza.

Pontevedra: Manifestación ás 12:00 dende o Pazo da Cultura até a Subdelegación do Goberno, con concentración na rúa Michelena.

Ourense: Concentración ás 11:30 horas na rúa do Paseo.

Lugo: Concentración dende ás 11:30 horas na rúa da Raíña.

Exit mobile version