Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Riotorto negociará co novo distribuidor de butano para solucionar as queixas dos veciños

RIOTORTO (FNC) .- O alcalde de Riotorto, Federico Gutiérrez Estoa, denuncia a problemática que están a sofrir os veciños do seu concello, sobre todo os da zona rural, co reparto do gas butano que desde hai unhas semanas fai un novo distribuidor. O rexedor sinala que “hai anos que contábamos cun repartidor que tiña o seu centro base en Mondoñedo e que coñecía perfectamente esta zona, o que facía que o butano chegase a todas as parroquias e a todas as casas do noso concello sen problemas”.

Gutiérrez Estoa engade que “agora con este cambio de compañía distribuidora que opera desde Viveiro o reparto do butano estáse a resentir e moito en Riotorto, sobre todo na zona rural. Ese reparto non se fai coa periodicidade coa que se realizaba antes, a xente non sabe cando ven o camión e en moitos casos nin sequera a onde ten que dirixirse para facer chegar o seu malestar por esta problemática que está a xurdir en Riotorto”.

Desde o Concello xa lle enviaron “unha carta de protesta á dirección de Repsol queixándonos do servizo que se está a prestar aos veciños de Riotorto e non descartamos adoitar outro tipo de medidas xa que todos os días nos están a chegar ao Concello queixas continuas dos veciños sobre as situacións que están a sufrir con este novo distribuidor do butano”. O alcalde asegura que “o novo distribuidor xa se puxo en contacto con migo na xornada de onte e quedamos en manter un encontro nos vindeiros días”.

Exit mobile version