Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo organiza cursos de condución eficiente durante o mes de abril

RIABDEO .- (FNC) O Concello de Ribadeo en colaboración coa Fundación Sotavento Galicia organiza varios cursos de condución eficiente encamiñados a realizar un uso máis racional dos nosos vehículos. O edil de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, asegura que “o que se pretende é fomentar un novo estilo de condución co que se poden obter diminucións medias no consumo de combustible de ata o 15%, ademáis de reducírense as emisións de CO2 e tamén o número de accidentes de tráfico”.
Os cursos serán do 20 ao 26 de abril. “Teñen dúas horas de duración e ofrecen contidos teórico-prácticos. Vánse levar adiante nun percorrido de 5 a 7 kilómetros. Os cursos contarán con monitores expertos que explicarán as técnicas ao volante para aproveitar a eficiencia enerxética dos vehículos actuais. O número de persoas por coche será como máximo de catro e as roldas de condución serán realizadas por cada un dos catro alumnos do grupo, cunha duración aproximada de 15 minutos por persoa”, segue a explicar Cupeiro.
Os cursos son gratuitos e están dirixidos ás persoas que empreguen o vehículo privado habitualmente. O único requisito para participar é levar o carnet de conducir orixinal e tamén unha fotocopia. Os interesados poden apuntarse a través do teléfono do Concello de Ribadeo 982 120 701.
Esta proposta encádrase dentros das medidas de uso máis eficiente dos medios de transporte, no Plan de Acción 2008-2012 da Estratexia de Aforro e Eficiencia Enerxética en España (E4) que canaliza o Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDEA) a través do INEGA.

Exit mobile version