Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio da Mariña pola Igualdade a favor dunha lei do aborto

Fragmento do cartel dunha campaña pro aborto, allea ó Observatorio da Mariña pola Igualdade

A MARIÑA .- O Observatorio da Mariña pola Igualdade posicionase “publicamente a favor dunha lei do aborto”. Esta iniciativa xorde a raíz de que “nos últimos días estamos asistindo a un debate social sobre o dereito ao aborto” e, aseguran, “este debate ten unha repercusión directa na vida das mulleres da Mariña e por este motivo Observatorio da mariña pola igualdade posiciónase publicamente a favor dunha lei do aborto.

COMUNICADO DE PRENSA DO OBSERVATORIO DA MARIÑA POLA IGUALDADE SOBRE A REFORMA DA LEI DO ABORTO

O Observatorio da Mariña pola Igualdade constituíse formalmente en marzo de 2008, tendo entre os seus obxectivos o de velar, dentro da nosa comarca, polo cumprimento dos dereitos humanos das mulleres.

Froito da iniciativa do goberno estatal de lexislar unha Lei do Aborto que substitúa á regulación actual(segundo a cal a interrupción voluntaria do embarazo é un delito só despenalizábel en tres supostos), nos últimos días estamos asistindo a un debate social sobre o dereito ao aborto. Este debate ten unha repercusión directa na vida das mulleres da Mariña, e por este motivo O OBSERVATORIO DA MARIÑA POLA IGUALDADE POSICIÓNASE PUBLICAMENTE A FAVOR DUNHA LEI DO ABORTO:

?   QUE CONSTITÚA UN IMPORTANTE AVANCE NOS DEREITOS DAS MARIÑÁS, GARANTÍNDOLLES O DEREITO HUMANO BÁSICO DE DECIDIR CON LIBERDADE SOBRE AS SÚAS VIDAS, SOBRE O SEU PROPIO CORPO, SOBRE A MATERNIDADE E A SÚA PRIVACIDADE.

No contexto estatal, isto vai en consonancia coa Lei de Igualdade española (lei orgánica 3/2007 de 22 de marzo), que recoñece a plena autonomía das mulleres en todos os ámbitos da vida. A teor desta lexislación vixente, non parece ter sentido que a decisión de terceiras persoas se antepoña sobre a vontade da muller a interromper o seu embarazo.

No contexto internacional, o dereito ao aborto é un elemento relacionado cos dereitos sexuais e reprodutivos recoñecido pola Organización das Nacións Unidas, organismo que ademais incide en que a garantía ao aborto debe figurar na lexislación dos Estados. A este respecto, no ano 2005 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a resolución 60/1 na que se estabelecía o obxectivo de acadar o aceso universal a saúde reprodutiva para o 2015, recoñecendo “o dereito de autodeterminación reprodutiva básease no dereito a planear o número e intervalo de fillos e fillas e en consecuencia á adopción de medidas anticonceptivas”.

A nivel da Unión Europea, o 16 de abril de 2008 a Asemblea parlamentaria do Consello de Europa aprobou a resolución 1607 na que convida aos Estados membros a “despenalizar o aborto se aínda non o fixeron, alá onde sexa delito, e garantir as mulleres esta práctica e levantar as restricións existentes”.

?   QUE GARANTA QUE TODAS AS MARIÑÁS QUE DESEXEN EXERCER O SEU DEREITO HUMANO DA INTERRUPCIÓN VOLUNTARIA DO EMBARAZO POIDAN FACELO A TRAVÉS DA SANIDADE PÚBLICA (NO HOSPITAL DA COSTA, CENTRO SANITARIO DE REFERENCIA NA NOSA COMARCA) DUNHA FORMA SEGURA, SEN RISCOS PARA A SAÚDE E GRATUÍTA, GARANTINDO ASÍ A IGUALDADE ENTRE TODAS AS MULLERES SEN QUE IMPORTE O SEU NIVEL ECONÓMICO (REQUISITO ATÉ AGORA INDISPENSÁBEL PARA PODER EXERCER O DEREITO EN CLÍNICAS PRIVADAS).

Se ben na actualidade a interrupción voluntaria do embarazo forma parte da sanidade pública, o acceso a esta intervención non está en absoluto garantida en todas as comunidades autónomas. Boa mostra disto é que menos do 3% dos abortos se realicen en centros públicos (nun 97, 91% dos casos o tipo de centro no que se realizan as intervencións é privado).

Por suposto, esixir que as mariñás poidan exercer o seu dereito á IVE na sanidade pública require á súa vez unha:

-unha regulación da obxección de conciencia do persoal sanitario responsábel de realizar as intervencións.

-unha lei de prazos. A maioría dos países do contexto europeo optaron por unha lei de prazos combinada con indicacións para a regulación do aborto. En contra de falsas crenzas moi estendidas e recorridas nos últimos días, nos países con leis de prazos máis amplos non se producen as maiores taxas de interrupcións voluntarias do embarazo (por exemplo, unha das taxas máis baixas a nivel europeo dáse en Holanda, país no que o dereito ao aborto se regulou a través dunha lei de prazos máis amplos, permitindo a interrupción voluntaria do embarazo até as 24 semanas de xestación).

? QUE LEVE CANDA SI UNHA LEI XERAL DE SAÚDE SEXUAL E REPRODUTIVA ONDE, XUNTO Á INTERRUPCIÓN VOLUNTARIA DO EMBARAZO, SE RECOLLAN ESTRATEXIAS CONXUNTAS PARA DIMINUÍR O NÚMERO DE ABORTOS PROVOCADOS, PARA MELLORAR A EDUCACIÓN SEXUAL E PARA GARANTIR NA NOSA COMARCA UNS SERVIZOS ACCESÍBEIS E OPORTUNOS DE CONTRACEPCIÓN PARA A PREVENCIÓN DOS EMBARAZOS NON DESEXADOS DE TODAS AS MARIÑÁS.

? QUE POÑA FIN Á DOBRE MORAL DAS SOCIEDADES, PORQUE A IVE É E TEN SIDO UNHA PRÁCTICA HABITUAL NO CONTROL DA FECUNDIDADE EN TODAS AS SOCIEDADES E EN TODOS OS TEMPOS DA HISTORIA. SEGUNDO A FEDERACIÓN DE PLANIFICACIÓN FAMILIAR DE ESPAÑA, CADA ANO REALÍZANSE NO MUNDO 46 MILLÓNS DE ABORTOS, DOS CALES 19 MILLÓNS PRACTÍCANSE EN CONDICIÓNS DE RISCO. EN GALIZA O NÚMERO DE CASOS DE IVE VAI EN AUMENTO, E POR EXEMPLO NO ANO 2007 REALIZÁRONSE UN TOTAL DE 3127 INTERVENCIÓNS. LEXISLAR A FAVOR DUNHA REALIDADE SOCIAL QUE NO DÍA A DÍA XA EXISTE, SÓ PODE SUPOR GARANTÍAS E MELLORAS PARA O CONXUNTO DA CIDADANÍA.

Á vista do exposto, desde o Observatorio da Mariña pola Igualdade consideramos que neste momento a sociedade non demanda un debate sobre “aborto si” ou “aborto non”, pois ese debate tivo xa lugar nos anos 80. Neste momento a sociedade mariñá o que demanda é un debate sobre os xeitos máis xustos e eficaces de garantir para todas as mulleres da nosa comarca o seu dereito humano a decidir sobre as súas vidas e a poder exercer o dereito da interrupción voluntaria do embarazo de xeito libre, seguro e gratuíto.

Exit mobile version