Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo apagou de madrugada durante seis horas 340 farolas para aforrar enexía

RIBADEO (FNC) .- Na madrugada do pasado xoves ao venres e nesta pasada “dentro das medidas que xa anunciamos hai meses tras a firma dun convenio coa Consellería de Innovación e Industria para o aforro enerxético tanto desde o punto de vista económico como medio ambiental, xa comezamos a aplicar este programa”, segundo explica o alcalde de Ribadeo. Fernando Suárez sinala que “a medida suporá un aforro importante desde o punto de vista económico no sentido de que se van apagar unha serie de farolas do alumeado público, sobre todo no ámbito da vila. A vila ten 1.019 puntos de luz e entre a unha e media da madrugada e as sete e media da mañá aproximadamente o 30% (340 farolas) apagaranse sen que iso poida baixar a calidade do servizo e sen que poida producir inseguridade cidadá”. O rexedor engade que “simplemente que en horarios nos que non hai xente na rúa durante a semana é unha pena que se estean a consumir un montón de recursos enerxéticos e económicos que ten que sufragar o Concello de Ribadeo”.

O rexedor subliña que “as fins de semana non haberá este tipo de restrición e cando haxa momentos de demanda, por exemplo en festas tampouco haberá esta restrición, pero parécenos moi importante que o 30% dos puntos de luz da vila sexan apagados nesta franxa horaria. Seguramente poidamos ir a máis, pero hai rúas que contan con cableados vellos o que fai imposible que agora mesmo poidamos tamén actuar deste xeito. A medida que vaiamos arranxando máis rúas, poderemos cambiar o cableado para que sexa posible facer operativa toda esta execución de cara ao aforro enerxético”.

Suárez Barcia considera que “desde o punto de vista do aforro económico o que isto vai representar resulta difícil sabelo con exactitude dado que en función da época do ano as luces acéndense antes ou despois e teñen tarifas diferentes ven sexa en horario punta ou en horario val, pero facendo unha extrapolación de todo un ano con este número de luces, e sen prexuízo de que vaia a máis, o aforro estaría en 9.000 euros anuais”.

Este programa de aforro enerxético posto en marcha polo Concello de Ribadeo aplicaráse de luns a venres, é dicir desde a madrugada do domingo ao luns ata a madrugada do xoves a venres. Durante as fins de semana estarán activas as 1.019 farolas que hai instalada na vila ribadense.

Exit mobile version