Site icon Crónica3.com A Mariña

A biblioteca pública de Cervo participa no certame de narración e debuxo infantil Letras Galegas 2009

CERVO .- A concellaría de Cultura do Concello de Cervo, dirixida por Chelo Gallego, vén de anunciar a súa participación no Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2009 (Fase Provincial) convocada pola Biblioteca Pública de Lugo co patrocinio da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia.
Desde o concello de Cervo vanse remitir aos colexios do municipio as bases do certame para que llelas fagan chegar aos alumnos e alumnas menores de dezaseis anos que estean interesados en participar.
O tema a tratar nesta edición é o amor e as modalidades de participación son a narración e o debuxo. As narracións deberán ser en galego e cunha extensión máxima de un folio por unha soa cara. Os debuxos deben realizarse sobre unha cartulina tamaño DIN A4 (aproximadamente).
Establécense tres categorías de participación: A, B e C. Na categoría A participarán os nenos de ata oito anos. A categoría B comprende a alumnos de nove a once anos. A categoría C inclúe aos nenos de doce a dezaseis anos.
Cada autor pode presentar os traballos que desexe, acompañando cada un deles cunha folla onde consten os seus datos persoais. Deberá entregalos na Biblioteca Municipal, sita na Casa da Cultura de San Cibrao, antes do día 8 de maio (incluído).
O fallo do xurado local farase público antes do Día das Letras Galegas. Os traballos seleccionados, un máximo de tres por cada modalidade, participarán na fase provincial do certame, convocada pola Biblioteca Pública de Lugo, co patrocinio da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, a onde serán remitidos antes do 26 de maio.
O fallo do xurado provincial farase público na primeira quincena de xuño. Serán premiados os tres mellores traballos por cada modalidade e categoría. Os autores seleccionados recibirán cada súa estatuíña de Sargadelos e un lote de libros.

Exit mobile version