Site icon Crónica3.com A Mariña

A casa de cada un

Por Otero Regal

Nos últimos anos o noso país medrou, presumiu e deu que falar case exclusivamente no sector da construción, da vivenda, da especulación pura e dura, e sen máis aviso, ou mellor dito sen que lle fixeramos nin puñetero caso aos avisos dados polo sentido común, batacazo que te criou, daqueles lodos veñen estes choros, por iso hoxe quero falar da casa, que é máis que catro paredes é un tellado é o recordo e a ledicia de recordar.
A casa coa que sempre soñas non é a que regalan nun concurso de televisión, nin aquela que miras dende o coche mentres suspiras sabendo que nunca poderás mercala. Nin sequera a casa de paredes medianeiras na que gastaches os aforros de toda a vida. A casa que ves cando pechas os ollos, cando dormes, cando a mente viaxa sen pasaporte, é a casa da túa infancia, a única que non esquecerás mentres vivas.

Non é a máis grande, nin a máis luxosa, nin a máis ampla… É a túa. A que conviviu cos primeiras noites de Reis, na que habitan os recordos bos e malos da túa infancia.

Onde pasaches as enfermidades da nenez, onde ata a auga da fonte do final da horta sabía ben. Onde colgaban as fotos da familia que fora e a que era, descoloridas e voltas color marrón claro, Só alí era posible que en noites de festa tres nenos compartisen cuarto e fosen inmensamente felices. Nela, no meu caso aínda viven outras xentes estrañas, pero nalgunhas noites de Nadal fago un garbeo polos arredores porque aquelas paredes aínda son a miña casa, alí aínda viven as persoas que nunca se foron de todo. Alí, cando soñas con ela, cando pechas os ollos, mestúranse os recordos que a vida che puxo por diante, cos personaxes que che viñeron dados ao nacer. Porque alí está todo. Sobre todo se, como no meu caso, tiveches unha infancia inesquecible nunha familia, a de casa, a próxima, escasa en membros, en risas, bos e malos momentos e nunha felicidade que nunca tivese sido maior con máis peso na conta corrente.

Despois eu que nacera nunha casa arrendada que era da dona do Pazo, da “Señorita de Covas”, tiven outras casas, en Barcelona, en Zaragoza, No Courel, En Oviedo, Mieres, Viveiro, cheguei incluso a ter un Pazo, con escudos heráldicos doutras xentes, agora vivo na que foi dos Donapetri en Xunqueira, casa de fabrica perto das casas dos operarios e do encargado da anterga fábrica das peles… casas antergas que tamén foron antes a casa da nascenza doutras xentes que a bo seguro recordaran como eu fago con aquela onde nacín, e medrei os meus primeiros anos de vida. aquel lugar, viva quen viva e ocupe quen o ocupe, será teu en sonos. Para sempre.

Exit mobile version