Site icon Crónica3.com A Mariña

A galescola de Burela oferta máis prazas despois da semana santa

BURELA (FNC) .- A galescola de Burela oferta máis prazas despois da semana santa, segundo ven de anunciar a concelleira de Benestar Social, Neves Cando. A edil nacionalista dixo que “á volta de semana santa a galescola de Burela ofrece a apertura de catro prazas pola tarde en réxime de media xornada para os nenos e nenas que quedaron en listaxe de espera este curso escolar. Ésta é unha, entre outras, das importantes melloras que se están a producir nesta escola infantil desde que en xaneiro de 2008 pasou a ser xestionada directamente polo Concello e máis tarde pasou a pertencer á rede de galescolas”.
Neves Cando lembra que “a primeira mellora que se produciu foi de carácter económico porque os prezos baixaron de xeito considerable. Antes moitas familias aboaban 84 euros ao mes polo comedor, cando agora o prezo é de 33 euros ao mes. Así a tarifa máxima ao mes da galescola co comedor incluido é de 143 euros, cando antes era de 194. Ademáis suprimíuse a cota de matrícula que todos aboaban a comenzo de curso e que era de casi 32 euros por curso. Tamén houbo melloras moi imporantes no servizo de comedor e na programación de menús saudables. Actualmente sérvese peixe fresco dous días por semana e todos os productos son frescos e de elaboración caseira, non se utilizan productos preconxelados ni precociñados e tamén se preparan menús especiais para celíacos e alerxias alimentarias. Estas melloras no servizo de comedor e a baixada do seu prezo fixo que aumentase moito a súa demanda e na actualidade usano 90 nenos e nenas”.
A responsable de Benestar Social sinala que “en canto ao servizo de transporte tamén se mellorou a súa calidade porque o microbús que fai os percorridos utiliza asentos con cinturóns de seguridade. E fixéronse tamén melloras no equipamento da escola como o que atinxe á caldeira da calefacción ademáis de instalarse máis radiadores pois o sistema que había era insuficiente para quentar os dous edificios dos que dispón a escola. Tamén se cambiou o lavalouzas por un industrial dado o aumento de usuarios do comedor e se procederá no verán á sustitución da cuberta do edificio principal. Todos os veciños de Burela saben que o centro tivo problemas de humidades nas paredes exteriores do edificio e filtracións de auga ao pouco de se construir no ano 2000 evidenciando a despreocupación do daquela equipo de goberno municipal do PP”.
Neves Cando segue a relatar que “tamén houbo unha aposta pola calidade educativa ainda que as ratios estipuladas por lei falan de grupos de 20 nenos e nenas nas unidades de dous a tres anos, nós cremos que é necesaria nestas idades unha atención individualizada e por eso temos dúas educadoras para cada grupo. Con esto melloramos moito a calidade no funcionamento do centro en todos os aspectos imprimíndolle un carácter plenamente educativo e non só asistencial. Outras das novidades de funcionamento é interno é a creación do consello de participación, un órgano mediante os cal os pais e as nais a través dos seus representantes poden participar e facer as súas aportacións á xestión da escola e tamén comezou a funcionar este curso o espazo das familias que nace como froito da colaboración entre Preescolar na casa e as galescolas ante a necesidade de otorgarles os pais e ás nais un punto de encontro dentro do centro onde o persoal educativo, as familias e os nenos se poidan xuntar nun ambiente distendido para reflexionar sobre a súa educación e gozar con eles. A través de internet pódese visualizar o blog do centro e coñecer as distintas experiencias e actividades nas que participan os nenos na escola”.
A edil nacionalista lembra tamén que “a nosa escola infantil permanece aberta durante todo ano, xa que antes pechaba en períodos vacacionais, no nadal, semana santa e agosto. Esta é a aposta que desde a Concellaría de Benestar Social se está a facer pola nosa escola infantil, unha galescola de calidade con mellores servizos e máis persoal e que desminte todas as mentiras que o PP verqueu no seu día sobre esta escola”.

Exit mobile version