Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mesa pola Normalización Lingüística anima en Burela a manifestarse en defensa do galego

BURELA .- A Mesa pola Normalización Lingüística celebra o martes, día 21, en Burela, a partir das oito do serán, no local sindical da CIG, sito no número 137 da rúa Arcadio Pardiñas, unha asemblea na que informará da campaña que vén de iniciar para animar á cidadanía a tomar parte na manifestación convocada para o vindeiro 17 de maio en defensa do galego.

Nota de Prensa

A Mesa celebra en Burela unha asemblea aberta para dar a coñecer na Mariña as súas iniciativas en defensa do galego

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2009.- A Mesa pola Normalización Lingüística celebrará mañá en Burela, a partir das oito do serán, no local sindical da CIG da vila mariñá (Rúa Arcadio Pardiñas, 137 – 2º dereita), unha asemblea na que informará da campaña que vén de iniciar para animar á cidadanía a tomar parte na manifestación convocada para o vindeiro 17 de maio en defensa do galego.

Á asemblea están convocadas e convocados os máis dun centenar de socias e socios que A Mesa ten na comarca da Mariña. A entidade cidadá en defensa do galego conta en todo o país con máis de 3.500 membros que a converten na principal asociación cultural de Galiza. Para alén de estaren convocados as súas asociadas e asociados, o colectivo cívico remarca que a asemblea terá un carácter aberto, polo que pode asistir á mesma calquera persoa que, aínda non estando asociada, comparta os obxectivos da Mesa e queira contribuír á defensa e normalización da lingua propia de Galiza.

Nesta xuntanza da zona organizativa da Mariña, que abranxe un total de catorce concellos, participará o vicepresidente e coordenador de zonas da Mesa, Fran Rei García.

Entre os obxectivos que a asociación cidadá en defensa da lingua se marca para a comarca salientan, ademais de o de lograr “unha comitiva mariñá o máis numerosa posíbel” para a manifestación do vindeiro 17 de maio en Santiago de Compostela, conseguir “un aumento significativo da afiliación” á entidade en todas as localidades así como “trasladar” ás rúas da Mariña “un discurso realista sobre a situación actual do galego”, que leve á xente “a reflexionar, mais tamén a actuar” e que rompa co “engano” que para a A Mesa é “determinado discurso que fala dunha suposta ‘imposición lingüística’ do galego en Galiza”.

A asociación achegará tamén nas próximas semanas ás distintas localidades da comarca o Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego, promovido por un grupo de artistas, intelectuais, deportistas e outros persoeiros significativos da vida social galega, e que xa leva recollidos máis de 13.500 apoios individuais e máis de 300 colectivos.

Exit mobile version