Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela presenta novos folletos de roteiros turísticos

BURELA (FNC) .- O delegado de Industria, Comercio e Turismo, José González Legazpi, presentou este mediodía os novos folletos dos roteiros turísticos de Burela nun formato manexable, cun deseño actualizado e coa inclusión de novos paraxes. Foron editados 3.000 exemplares en galego e castelán que estarán distribuídos na Oficina de Turismo e no Concello e que formarán parte do material que Burela levará ás feiras turísticas nas que participe.

Legazpi sinalou que “seguimos a desenvolver políticas encamiñadas a favorecer e potenciar o turismo do noso Concello. Coñecedores da importancia que leva consigo a constante actualización dos medios divulgativos xeradores da promoción dos nosos recursos no senso de conseguir que se promova un maior acercamento aos nosos espazos de natureza e se dimensione eficazmente o noso turismo, presentamos de forma actualizada e novidosa os nosos Roteiros Turísticos”.

O Concello de Burela dispón de cinco roteiros distribuídos ao longo do Concello e que se poden percorrer todos nunha xornada, incluso algúns nun par de horas. Segundo explicou o concelleiro de Turismo “denomínanse panorámico, natural, costeiro, xeolóxico e artístico, en función de cada un dos seus percorridos, xa que nos posibilitan coñecer elementos vinculados a cada denominación, e de modo xeral gozar do aire, da paisaxe, da flora e da fauna como roteiros medio ambientais que son”.

Este novo folleto, que conforman os roteiros turísticos de Burela, “ten un formato manexable e facilmente lexible con un deseño actual e moi visual, incorpora fotografías en cada ruta, amosando imaxes do que o usuario vai atopar nese roteiro, inclúe novos paraxes, coma o paseo marítimo do Cantiño e máis a senda verde peonil do Perdouro; asemade actualízanse os nomes de varias rúas, e dáselle tamén máis seguridade por terse evitado a incidencia de tramos de circulación aberta, xunto coa eliminación dun punto perigoso que entrañaba o cruzar a vía do tren, facéndose unha ruta alternativa para evitalo”, segue a relatar José González Legazpi.

O edil nacionalista engade que “inclúe tamén un plano guía de cada roteiro numerado por tramos para facilitar o seu percorrido xunto cun plano central de maior tamaño que representa os cinco roteiros en distintas cores que facilita a súa clara diferenciación, incorpóranse tamén uns pequenos consellos prácticos informando asemade das lonxitudes de cada tramo, a duración estimada do percorrido, a súa dificultade valorada como media, alta ou baixa en cada caso, e os textos están en galego e castelán. En definitiva unha completa actualización dos cinco roteiros turísticos do Concello de Burela, para dotalos de máis posibilidades, cun deseño actual e de calidade para favorecer a utilidade destes espazos de goce turístico e de natureza que agardamos sexan moi concorridos na busca do afianzamento de noso turismo e do desfrute xeral”.

Exit mobile version