Site icon Crónica3.com A Mariña

Anotáronse 669 persoas para participar no XV día do Xubilado de Burela

BURELA (FNC) .- O vindeiro domingo 3 de maio celebrarase en Burela a décimo quinta edición do día do xubilado. A concelleira de Benestar Social, Neves Cando, asegura que “queremos ofrecer aos nosos maiores unha xornada de reunión, de encontro, de ledicia e de compartir entre todos e todas lembranzas que nos unen e o futuro que nos agarda”. Un total de 669 persoas se anotaron durante os quince días que durou o prazo de inscrición para participar nesta cita.

A xornada comezará ás 12:30 horas cunha recepción na Casa da Cultura á que lle seguirá un acto musical no Auditorio de Burela, no que participarán as cantareiras A Arracada da Sociedade Cultural Ledicia, a banda de gaitas Dambara e a Coral Polifónica de Burela. Cando sinala que “quixemos ofrecer aos nosos xubilados e xubiladas unhas actuacións nosas de Burela, para gozar coa música que se fai aquí. Son tres estilos distintos e variados que nos van posibilitar apreciar a boa música que se fai na nosa vila”.

Despois desas actuacións “subiremos ao pavillón dos institutos para a partires das 14:00 horas xantar todos alí. Haberá autobuses á saída da Casa da Cultura para que quen queira subir neles o faga e despois da comida teremos o sorteo de dúas viaxes para dúas persoas ao destino da península ou das illas que elixan, e como non, baile e música para todos”, segue a relatar a edil nacionalista.

Neves Cando agarda que “todas as persoas que se anotaron para participar neste 15 día do xubilado gocen dunha xornada especial cos seus amigos e amigas porque así o preparamos e así o desexamos desde o Concello de Burela”.

Exit mobile version