Site icon Crónica3.com A Mariña

Curso para guías turísticos non profesionais en Ribadeo

RIBADEO (FNC) .- Ribadeo acollerá do 4 ao 7 de maio o curso Coñece o teu Concello, coñece a túa provincia, froito do acordo de colaboración que manteñen a Deputación de Lugo, a través de Área de Turismo e o Concello. O obxectivo, segundo explica o alcalde, Fernando Suárez, “é formar a persoas que poidan servir de guías turísticos, tendo en conta que era un servizo co que Ribadeo non contaba ata o de agora e tendo en conta que cada vez veñen máis turistas”.

O curso terá unha duración de 20 horas, e desenvolverase de luns a xoves en horario de 16 a 18:30 horas. Nel darán a coñecer os recursos socioculturais cos que contan o concello, ademais de descubrir historias, anécdotas e tradicións que forman parte da memoria colectiva local, pero que non aparecen escritas en ningún libro ou son pouco coñecidas polas xeracións máis novas e tamén se darán a coñecer outras zonas da provincia para favorecer o intercambio de experiencias e vivencias con outros grupos e persoas do ámbito local que estean a realizar a mesma experiencia. O rexedor lembra que “esas persoas que se formen grazas a este curso gratuíto e que ten un número máximo de 15 prazas, despois poden traballar coma guías turísticos non profesionais con algunha administración coma o Concello, a Deputación ou mesmo a Xunta”.

Fernando Suárez convida “a todos os interesados en participar, xubilados, estudantes, voluntarios, empresarios ou traballadores de casas de turismo rural, a que se anoten no Concello de Ribadeo para acudir a este curso que comeza o 4 de maio”.

Exit mobile version